Domingo 16 de Xuño de 2019

A Xunta sinala que a economía social representa unha oportunidade para a mellora da empregabilidade das mulleres


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Verín no obradoiro Emprendemento e Empoderamento, organizado pola Xunta en colaboración con Executivas de Galicia
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Verín no obradoiro Emprendemento e Empoderamento organizado pola asociación Executivas de Galicia, onde destacou o compromiso da Xunta co modelo de economía social, subliñando que o cooperativismo representa unha oportunidade para a mellora da empregabilidade das mulleres.

A secretaria xeral lembrou que a Administración Autonómica está executando a primeira Estratexia de economía social que impulsará 25 medidas ata 2021 co obxectivo de xerar 3000 empregos e 300 novas entidades, sumando capacidades -a través da promoción de emprendemento entre mulleres, mocidade e o rural galego e a súa difusión entre o alumnado-, sustentabilidade e identidade para darlle unha maior visibilidade. Tamén destacou o labor realizado a través da Rede Eusumo que, ao longo do pasado ano, asesorou un total de 112 proxectos e ofreceu 85 cursos de formación.

A secretaria xeral avanzou que, como é tradicional, xuño será o mes do cooperativismo coa celebración de diferentes actividades para a súa difusión, como o espectáculo Cooperativismo en movemento; o certame Cooperativismo no ensino; unha xornada de portas abertas ou a celebración do Día do Cooperativismo galego o primeiro sábado do mes de xullo.

Toca, así mesmo, destacou o importante papel que as mulleres están desempeñando na dinamización da economía rural galega trasladándolle aos asistentes á xornada experiencias de emprendemento rural a través de sociedades cooperativas e apoios aos que se poden acoller para desenvolver proxectos.

Lembrou tamén que unha das prioridades do Goberno galego é lograr a igualdade real entre homes e mulleres, tamén en materia laboral, polo que está en marcha o programa Emprega en Feminino, que entre os seus eixes de actuación contempla o apoio para o autoemprego e emprendemento das mulleres galegas.

Deja un comentario