Domingo 16 de Xuño de 2019

Rafa Vilar gaña o XVI Premio «Pura e Dora Vázquez» de Narración


O xurado, que deu a coñecer hoxe seu ditame, destaca da obra gañadora, Os outros oficios, que se trata “dun texto excepcional desde o punto de vista literario, con moito coidado da prosa e con relatos que amosan un gran coñecemento da lingua”
O escritor coruñés Rafa Vilar (Cee, 1968), vén de gañar coa obra Os outros oficios (presentada baixo o lema “Clara Z”), o XVI premio de literatura infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado, que deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, sinalou que a obra galardoada que se trata “dun texto excepcional desde o punto de vista literario, con moito coidado da prosa e con relatos que amosan un gran coñecemento da lingua”. Asemade o xurado explicou que se trata dunha obra “con gran potencialidade para públicos moi amplos, de fácil e agradable lectura, ademais de ser didáctica”.
Así mesmo, o xurado dixo que na obra Os outros oficios o autor fai “unha galería de retratos que mesturan ben o xogo imaxinativo e adáptase para ser ilustrada”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado agradeceu “o traballo feito” por tódolos autores presentados ao certame”
Ábrese agora o prazo para o XVI Premio “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración polo que, os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 2 de setembro de 2019. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Rafa Vilar. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.

Deja un comentario