Mércores 23 de Outubro de 2019

Máis de 400 deportistas de Galicia, Euskadi e o Norte de Portugal participarán este sábado no 49 Trofeo Pedro Escudero de natación, na piscina Rosario Dueñas


O alcalde de Ourense en funcións, Jesús Vázquez, salientou que se trata da proba decana da natación galega, e “unha das máis importantes do calendario galego e nacional”

 

A piscina Rosario Dueñas acollerá este sábado a 48 edición de Trofeo Pedro Escudero de natación, proba clasificatoria para os Campionatos de España que contará coa participación de máis de 400 deportistas de Galicia, Euskadi e o Norte de Portugal. A competición constará de dúas sesións: de mañá (a partir das 10:00 horas) e de tarde (a partir das 17:00 horas).

O alcalde de Ourense en funcións, Jesús Vázquez, salientou que se trata da proba decana da natación galega, e “unha das máis importantes do calendario galego e nacional”. “Da importancia desta proba, dá boa conta a presenza de nomes destacados como o da nadadora olímpica Beatriz Gómez Cortes, do Club de Natación Galaico”, explicou.

O Trofeo Pedro Escudero acollerá un total de 32 probas (16 masculinas e outras tantas femininas) e concederá medallas aos tres primeiros clasificados de cada proba e premios en metálico aos tres primeiros clasificados en categoría masculina e feminina, un total de 450 euros.

Os premios daranse pola suma de puntos FINA, e para elo os deportistas deberán participar en tres probas. A competición contará coa presenza dun total de 24 clubs.

“Ninguén é profeta na súa terra, pero en Ourense temos demostrado que apoiamos e reivindicamos a todos os que fan do seu traballo e das súas afeccións unha paixón compartida por todos”, salientou Vázquez Abad durante a presentación deste torneo que leva o nome de Pedro Escudero.

Nesta liña, o rexedor en funcións explicou que este trofeo “é moi querido por todos os ourensáns e as ourensás que aprenderon a nadar nas instalacións dos Remedios baixo a atenta mirada de Pedro Escudero” e felicitou “ao club Pabellón e a todo o equipo do Consello Municipal de Deportes” pola traxectoria desta proba convertida en todo un referente da natación en Galicia e a nivel nacional.

A presentación da proba tamén contou coa presenza do concelleiro de Deportes en funcións, Mario Guede; os adestradores do Club Natación Pabellón, Alberto Taboada e Daniel Toro.

Deja un comentario