Mércores 18 de Setembro de 2019

Medio Rural destinou o ano pasado máis de 5,1 millóns de euros en axudas para plans de mellora e incorporación de mozos á actividade agraria na provincia de Ourense


A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, ofreceu estes datos na visita aos terreos do concello de Piñor onde se instalará a nova explotación avícola dunha moza de 21 anos, beneficiaria dunha achega de 178.000 euros

Compartir
A Consellería do Medio Rural en 2018 investiu na provincia de Ourense unha partida de máis de 5,1 millóns de euros en axudas para a modernización das explotacións, con achegas para incorporación de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións. Estas subvencións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), repartíronse entre 133 beneficiarios, dos que 61 son mozos e mozas ourensáns que decidiron apostar o seu futuro laboral polo mundo agrogandeiro.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, ofreceu estes datos durante unha visita á finca onde se vai a instalar, ao abeiro destas subvencións, unha nova explotación avícola no concello de Piñor, cuxa propietaria é unha moza de 21 anos que se quere incorporar á actividade agraria seguindo os pasos dos seus pais, que xa teñen outras granxas na zona e foron beneficiarios desta orde de axudas en convocatorias anteriores, na liña de plans de mellora. En concreto, o departamento autonómico, dirixido por José González, concedeulle unha axuda global de 178.000 euros, a través de dúas liñas (a de primeira instalación e a de plans de mellora) sobre un investimento total de 334.497 euros. Esta achega destinarase ás obras de construción dunha explotación dedicada ao engorde de polos, con capacidade para 31.800 polos broilers, na finca Chouso do Cabreiro, na parroquia de Coiras.

Convocatoria para 2019
Marisol Díaz aproveitou esta visita, na que estivo acompañada polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural, Yago Borrajo, para lembrar que este departamento autonómico mantén activada a convocatoria destas axudas para este ano, que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Os interesados nestas axudas teñen ata o vindeiro 20 de xuño para presentar as súas solicitudes.

Este ano o orzamento desta orde ascende a 42 millóns de euros: 14 millóns de euros para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, 25 millóns de euros para o apoio aos investimentos en explotacións agrícolas (coñecidos como plans de mellora) e 3 millóns de euros para o desenvolvemento de pequenas explotacións.
No que se refire ás achegas para a incorporación de persoas mozas, a subvención concederase pola execución do plan empresarial e consistirá nunha contía básica establecida en 20.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.

O importe da axuda para os plans de mellora será do 30% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ser agricultor/a mozo/a, por realizar un investimento de carácter colectivo, por desenvolver actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.

No que respecta ás pequenas explotacións, a achega ascende a 15.000 euros e concederase pola execución do plan empresarial, que terá unha duración de 18 meses dende a aprobación da mesma.

A delegada territorial destacou a importancia destas axudas que “favorecen a modernización e ampliación das instalacións e contribúen á achega de ideas innovadoras ao sector, ao mesmo tempo que facilitan o desenvolvemento da actividade económica no rural”.

Deja un comentario