Mércores 18 de Setembro de 2019

O Concello de Ourense replantou desde o pasado mes de marzo un total de 57 árbores en 26 rúas da cidade


O alcalde de Ourense en funcións, Jesús Vázquez, explica que “queremos unha cidade comprometida co Medio Ambiente, devolvéndolle o verde as nosas rúas para que a cidadanía viva nunha contorna máis natural, humana e sobre todo máis sa”

O Concello de Ourense replantou un total de 57 árbores nas rúas da cidade desde o pasado mes de marzo, fecha de inicio da campaña de primavera para a reposición do arboredo que se atopa en mal estado ou enfermo. As especies elixidas son plantas ornamentais, que foron escollidas por ter un porte medio e porque as súas raíces non provocan o levantamento das beirarrúas.
Este ano, a campaña comezou a fines de marzo e está previsto que remate a finais deste mes. Neste período, os servizos de Medio Ambiente están a repoñer árbores en distintas rúas de Ourense, especialmente na zona centro e nos barrios do Couto, A Ponte e San Francisco.
O alcalde de Ourense en funcións, Jesús Vázquez, confirma que “este ano repuxemos árbores nun total de 26 rúas onde se constatou que xa non había ou que estaban secas. Apostamos por unha cidade comprometida co Medio Ambiente, devolvéndolle o verde as nosas rúas para que a cidadanía viva nunha contorna máis natural, humana e sobre todo máis sa”, di Vázquez Abad.
Medio Ambiente explica que a maior parte das árbores substitúen a outras que foron danadas por actos vandálicos ou tras recibir golpes de vehículos. As especies escollidas para substituílas foron as mesmas, ou no caso de que non fose posible atopar esa especie outras con condicións moi similares as que están colocadas no resto da rúa.
A reposición prodúcese tras a comprobación polos servizos municipais da falla de árbores ou por indicación da veciñanza ao Concello.
En total repuxéronse 13 prunos, 10 cercis (árbore do amor), 8 ligustrum, 8 fotinias, 8 pereiras ornamentais, catro hibiscos e dous freixos. Nos espazos máis amplos apostouse por árbores de maior porte, coma os liquidambar (2) ou plataneiros ( dous, situados na Praza das Mercedes).
Este ano a campaña viuse reforzada pola colocación de 16 novas árbores na Praza de San Marcial. A concellería de Medio Ambiente instalou en marzo 12 carballos (querqus robur) e catro pereiras ornamentais (pyrus calleryana), tras o estudo técnico que recomendou a substitución da masa arbórea existente nese momento, polo seu estado de saúde e por considerar que non eran idóneas para esta contorna.

Deja un comentario