Mércores 18 de Setembro de 2019

Nava Castro participou no Mosteiro de San Clodio nas actividades das VIII Xornadas de Portas Abertas na Ruta do Viño do Ribeiro


Máis de 30 adegas, restaurantes e aloxamentos  participaron esta fin de semana nesta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, saudou hoxe aos participantes da visita teatralizada ao Mosteiro de San Clodio incluída nas actividades da VIII Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, que se celebran esta fin de semana na Denominación de Orixe do Ribeiro co impulso da Consellería de Cultura e Turismo.

A visita ao Mosteiro de San Clodio na que participou Nava Castro permitiu aos participantes coñecer un dos recursos históricos e patrimoniais máis destacados da comarca que está moi vinculado á cultura vitivinícola. De feito, a Xunta impulsou alí un spa viñoterapia resultado dunha coidada intervención e rehabilitación que permite aos viaxeiros desfrutar tamén de tratamentos que inclúen o emprego da uva e do viño.

As actividades na Denominación de Orixe comezaron onte venres e rematarán mañá. Participan preto de 30 adegas, restaurantes e aloxamentos e ademais de visitas teatralizadas, tamén se celebrarán andainas, paseos a cabalo ou tratamentos en diferentes balnearios da zona. As xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia tamén facilitarán que os asistentes aproveiten ofertas e promocións especiais en aloxamentos e restaurantes ou participen coas súas fotografías no concurso en redes sociais que organiza a Ruta do Viño do Ribeiro.

Máis de 230.000 euros
A VIII Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, que se celebran co impulso da Consellería de Cultura e Turismo que inviste máis de 230.000 euros para a promoción destes itinerarios ata o ano 2021 inclúe esta fin de semana actividades tamén na Ruta dos Viños das Rías Baixas. Os días 14, 15 e 16 será a quenda das denominacións de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

En total participarán preto dun centenar de adegas, restaurantes e aloxamentos das cinco denominacións de orixe vitivinícolas. Os interesados en participar na iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Turismo e as rutas dos viño poden acadar máis información na web www.xornadasrutasvinosgalicia2019.com.

Deja un comentario