Sábado 15 de Agosto de 2020

Luz verde da Xunta para o convenio de colaboración co Concello de Ourense para as obras de reforma do Pavillón dos Remedios, no seu 50 aniversario


A achega económica, próxima aos 2 millóns de euros (1.987.479 euros), será asumida integramente pola Secretaría Xeral para o Deporte

O Consello da Xunta autorizou, na sesión celebrada onte, a sinatura do convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Ourense para levar a cabo as obras de reforma do pavillón dos Remedios. O investimento será próximo aos 2 millóns de euros (1.987.479 euros), que serán asumidos integramente pola Secretaría Xeral para o Deporte. Na anualidade, 2019, a Xunta de Galicia achegará a cantidade de 500.000 euros, mentres que os 1.487.479,59 euros restantes chegarán en 2020.
“Estamos ante unha inmellorable noticia que acadamos neste mandato grazas á cooperación institucional co obxectivo de mellorar un dos grandes referentes da nosa cidade”, sinala o alcalde en funcións, Jesús Vázquez Abad.
O proxecto que se vai acometer será unha remodelación profunda, estética e funcional que actuará sobre diversos aspectos do complexo deportivo. Deste xeito, actuarase sobre os ximnasios, o vestíbulo e os espazos de comunicación. Dotarase o espazo deportivo con novos vestiarios e adecuaranse os xa existentes. Tamén se dotará o espazo con tres novas grandes salas polivalentes (para actividades de formación e de lecer), realizarase unha reordenación dos espazos da piscina de 25 metros “Pedro Escudero”, e a adaptación normativa en materia de accesibilidade e a unificación da fachada orientada á avenida Pardo Cela e á Ponte Romana.
O Complexo Deportivo dos Remedios, inaugurado en 1969, é unha instalación municipal referente para a vida deportiva, social e cultural da cidade de Ourense. Conta cun amplo volume de utilización, cun rexistro de máis de 40.000 accesos mensuais, dotado de múltiples servizos deportivos, dúas piscinas, un spa, dous pavillóns polideportivos cubertos, un campo de fútbol, un módulo de atletismo, un ximnasio, unha sala de musculación e pistas exteriores.
Debido á deterioración dos seus espazos co paso do tempo, e por tratarse dunha infraestrutura referente localizada na entrada principal da cidade, nunha zona emblemática entre a Ponte do Milenio e a Ponte Romana, cómpre renovar, adaptar e adecuar o edificio ás novas necesidades, implementando esta remodelación estética e sobre todo funcional.

Deja una respuesta