Domingo 22 de Setembro de 2019

A Deputación de Ourense outorgará a vindeira semana a medalla de ouro, a título póstumo, ao doutor Luis Rodríguez Míguez


 

O acto terá lugar no Salón de Plenos da institución provincial o xoves 13 de xuño, ás 12.00 horas

A Deputación de Ourense outorgará a vindeira semana a medalla de ouro, a título póstumo, ao doutor Luis Rodríguez Míguez, falecido no ano 2016, un recoñecemento co que a institución provincial quere poñer en valor as importantes achegas de Rodríguez Míguez nos ámbitos da investigación e promoción do termalismo contemporáneo, como precursor dos estudos sobre as augas mineiro medicinais e o seu uso clínico.

Desde que en decembro de 2016 o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinara a providencia para incoar o expediente para o outorgamento desta distinción, sendo designada instrutora a deputada provincial, Ana Villarino, presidenta da Comisión de Termalismo, numerosas persoas, asociacións e entidades adheríronse a esta iniciativa que terá, o vindeiro xoves, 13 de xuño, ás 12.00 horas, no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, o acto solemne de entrega da medalla á familia do doutor Rodríguez Míguez.

Luis Rodríguez Míguez, médico, profesor universitario e escritor, naceu en Santiago de Compostela en 1932 e faleceu en Ourense en febreiro de 2016, logo dunha prolífica traxectoria profesional nos ámbitos da saúde e do termalismo. Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, foi membro do Consello Termal Ourensán -órgano que avala o cumprimento do Plan Termal Provincial-, traballou como profesor nas universidades de Santiago e Vigo, foi director do Centro de Sanidade Ambiental de Santiago, xefe provincial de Sanidade de Ourense, director de Saúde da Delegación Territorial de Ourense e director xeral de Saúde Pública, ademais de profesor no Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense.

Deja un comentario