Xoves 09 de Xullo de 2020

O Concello programa 15 actividades durante a Semana do Medio Ambiente para concienciar a cidadanía, sobre todo a cativada, da importancia de conservar a nosa contorna


O alcalde en funcións, Jesús Vázquez, defendeu que “a conciencia medio ambiental comeza, sempre, na casa” e presentou unha programación de actividades para toda a familia

 

Desde este venres, 31 de maio, até o domingo 9 de xuño o Concello de Ourense organiza a Semana do Medio Ambiente, unha iniciativa “para concienciar os nosos cidadáns, especialmente os máis pequenos, da importancia de conservar o Medio Ambiente”. Así o explicou o alcalde en funcións, Jesús Vázquez, durante a presentación desta actividade nun acto que contou coa presenza da concelleira de Medio Ambiente, Ana Morenza; e de representantes das entidades que colaboran nesta iniciativa: Sustinea, Bruma e Xesmega.

Na súa intervención, Jesús Vázquez reivindicou que “a conciencia medio ambiental comeza, sempre, na casa”, e avanzou que todos os obradoiros programados levaranse a cabo en parques de distintos puntos da cidade, co obxectivo de chegar a toda a cidadanía.

A concelleira de Medio Ambiente foi a encargada de presentar as 15 actividades previstas con motivo do Día mundial do Medio Ambiente, unha efeméride se celebra cada 5 de xuño por decisión das Nacións Unidas.

A Programación

O venres 31 de maio comeza o concurso Engalana a túa árbore, co que se pretende renderlle homenaxe aos espazos verdes durante a semana do Medio Ambiente e que se fagan visibles durante todo o ano. Levarase a cabo na rúa do Paseo, dende os xardíns do Padre Feijóo até o cruce coa rúa Concordia.

O sábado 1 de xuño, ás 18:00 horas, haberá un Obradoiro de caixas niño no Parque de Montealegre, para rapazada de máis de 12 anos, con inscrición obrigatoria. Á mesma hora: Xogo do Eco Trivial no Centro Cívico Colón, unha actividade recomendada para maiores de 16 anos.

O domingo 2 de xuño, Hortas infantís no parque de Montealegre, para público infantil e con inscrición obrigatoria.

O luns 3 de xuño, Aprende a xogar en familia na natureza. Ás seis e media da tarde no parque San Rosendo, para todos os públicos.

O martes 4, Xincana de orientación en familia – Familias exploradoras. Desde as seis e media, con saída desde o Parque Barbaña. Ese día, á mesma hora pero no Parque Diego González Blanco, Obradoiro de pegadas de animais. Ambas, actividades para todos os públicos.

O mércores 5, día do Medio Ambiente, dúas actividades ás seis e media da tarde: Por un lado, Elaboración de invernadoiros con botellas, no Parque Leiras Pulpeiro de Mariñamansa; e o obradoiro de sensibilización ambiental Incendios forestais: Ti contas, nos xardíns Padre Feijóo. Para todos os públicos.

O xoves 6 de xuño, Eco-xincana. Os elementos da natureza, ás seis e media na Alameda do cruceiro; e Coñece os paxaros no parque Angelita Paradela.

Pasamos ao venres 7, cando celebraremos o obradoiro de Elaboración de xabóns, no Xardín do Posío ás seis e media.

O sábado 8, Roteiro botánico para todos os públicos, con saída ás 11:00 horas desde os Xardíns do Padre Feijóo. E ás seis da tarde, Obradoiro de consumo responsable, actividade dirixida ao público adulto con inscrición obrigatoria no parque de Montealegre.

O domingo 9 a Semana do Medio Ambiente rematará cunha actividade infantil ás once da mañá: O tesouro de Montealegre.

A descrición e programación das actividades da Semana do Medio Ambiente xa se poden consultar na páxina web do Concello de Ourense.

Deja una respuesta