Xoves 12 de Decembro de 2019

O I Encontro Autonómico de Consellos de Participación Infantil celebrarase en Castrelo de Miño


Organizado por UNICEF, terá lugar os vindeiros 8 e 9 de xuño nas instalacións do Albergue Municipal sito no parque náutico

Unicef Galicia organiza o I Encontro Autonómico de Consellos de Participación Infantil os días 8 e 9 de xuño. Neste encontro participarán 50 representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente dos diferentes concellos de Galicia

Dito encontro ten dous obxectivos: por un lado intercambiar experiencias entre os diferentes consellos de participación infantil e adolescente de Galicia, e por outro dar aos rapaces e rapazas a posibilidade de opinar e debater sobre temas que son do seu interese, considerando o marco de dereitos de infancia, e como espazo exclusivo de participación de rapaces e rapazas, facilitado por un equipo de dinamización e no marco do programa Cidades Amigas da Infancia de UNICEF.

UNICEF organiza dito programa co fin de promover a inclusión da infancia e da adolescencia nas políticas municipais, promovendo a planificación en materia de infancia, a dotación de recursos e a promoción da participación infantil.

Os participantes aloxaranse no albergue municipal entre os días 7 e 9 de xuño.

Para o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez «é toda unha honra que o noso concello sexa a sede deste primeiro encontro galego, e agradecemos a UNICEF esta pequeno agasallo de ser a sede deste evento, en recoñecemento a termos sido o primeiro concello de Galicia certificado como Cidade Amiga da Infancia. A día de hoxe en Castrelo de Miño temos operativas as seguintes medidas destinadas á infancia e á adolescencia: casa-niño de 0 a 3 anos, colexio de 3 a 12 anos, actividades extraescolares, escolas deportivas, reforzo de estudios como cursos de informática, voluntariado xuvenil en actividades culturais e deportivas, e transporte baixo demanda para que os menores poidan acudir a todas estas actividades»

Deja un comentario