Mércores 18 de Setembro de 2019

A Xunta destaca a empresa madereira Mosquera Villavidal como exemplo da importancia de apostar pola innovación para incrementar a competitividade


Mosquera Villavidal participa no programa co obxectivo de internacionalizarse, abrir novos mercados e deseñar novos produtos
O director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitaron a empresa ourensá Mosquera Villavidal, ubicada no Concello de Ramirás e dedicada ao tratamento da madeira.

Mosquera Villavidal é unha das 12 pemes innovadoras que están a participar na terceira edición do Programa Agrobiotech Innovación dende este mes de maio, un programa de aceleración impulsado pola Xunta e o Parque Tecnolóxico de Galicia co obxectivo de incrementar o nivel de competitividade das pequenas e medianas empresas innovadoras galegas que amosan potencial de crecemento, en tres sectores prioritarios para Galicia: a biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa.

Exemplos como o de Mosquera Villavidal contribúen a que o ecosistema galego de innovación creza, dando cumprimento a un dos obxectivos prioritarios da Xunta: fomentar a innovación entre as pequenas e medianas empresas como un factor clave da súa competitividade e crecemento e, por tanto, da competitividade da economía da nosa Comunidade.

Pola súa banda, o director de Xera, Ignacio Lema, resaltou a aposta da empresa por implantar modelos de calidade certificados dentro do seu proceso produtivo e lembrou algúns programas de apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria ao sector forestal, como os obradoiros forestais ou as liñas de axudas do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), da que foi beneficiaria esta empresa en 2018, para automatizar as liñas produtivas e as axudas para a segunda transformación que apostan por procesos certificados, outorgando preferencia aos programas que mostran certificacións de calidade e trazabilidade da madeira.

O CIS-Madeira en Ourense conta tamén con programas de innovación ligados á valorización da madeira. Neste sentido, Lema felicitou á empresa pola súa aposta a favor de procesos certificados, e polo esforzo inversor, en procesos de tratamento da madeira e nos procesos que garante a saúde fitosanitaria da madeira.

Programa Agrobiotech
Mosquera Villavidal pertence ao 25% de empresas do sector biomasa que participan nesta edición de Agrobiotech, xunto a outras compañías agroforestais como Hifas da Terra e Ibérica de Esponjas Vegetales, sendo a única da provincia de Ourense. A empresa ourensá persegue internacionalizarse, abrir novos mercados e deseñar novos produtos, principalmente a través dunha ampliación da liña de fabricación e produción de pellet e viruta.

Para acadar estes obxectivos, o programa Agrobiotech ofrécelle un plan de traballo á medida das súas necesidades, que inclúe asesoramento, actividades de capacitación complementarias e eventos especializados como o terceiro Encontro Agrobiotech que está previsto que se celebre en Ourense no outono.

Deja un comentario