Mércores 21 de Agosto de 2019

O Concello de Ourense convoca a selección de propostas de actividades para os programas de persoas maiores e dos centros cívicos


O prazo para presentar proxectos está aberto até o venres 7 de xuño

O Concello de Ourense abre o proceso para seleccionar as actividades que formarán parte dos programas de Envellecemento Activo, dirixidos a persoas maiores, e de Centros cívicos -para persoas adultas e para a cativada- durante a campaña 2019/2020. Os programas contan cun orzamento superior aos 115.00 euros coa finalidade de propoñer alternativas de lecer para as persoas adultas e lúdicas e de reforzo educativo para as nenas e os nenos.
O prazo de presentación de proxectos está aberto desde hoxe, luns 20 de maio, até o venres 7 de xuño. As bases pódense consultar na páxina web do Concello e no Boletín Oficial da Provincia do xoves 16 de maio.
O programa de Envellecemento Activo consiste en cursos e actividades de tempo de lecer para maiores de 60 anos que residen no municipio: exercicio físico, mantemento e deporte (tanto en espazos pechados, coma ao aire libre), cursos de informática, actuacións artísticas, actividades cognitivas, de estimulación da memoria, etc.
Pola súa banda, a convocatoria para a selección de proxectos para o programa de actividades nos Centros Cívicos ten como obxectivos ofrecer alternativas de lecer para persoas adultas, potenciar as súas habilidades e capacidades e fomentar iniciativas de carácter cultural e social que impulsen o desenvolvemento integral da veciñanza.
Nenas e nenos
O programa para nenas e nenos dos Centros Cívicos conta con varios eixes. Por unha banda, o do alumnado de Infantil e Primaria, que conta con actividades semanais, de luns a venres polas tardes e os sábados pola mañá, entre outubro e xuño. Dúas horas e media diarias con propostas lúdicas e socio educativas. Outro eixe son actividades de apoio escolar para nenas e nenos de 5º de Primaria a 2º de ESO, tres días á semana cun horario de dúas horas e media por día durante os meses do curso escolar.
Por último, inclúense tamén na convocatoria as Actividades de Verán para alumnado de Infantil e de Primaria, durante os meses de xullo e agosto.

Deja un comentario