Luns 24 de Xuño de 2019

Manuel Baltar participa no “parque temático por excelencia da etnografía galega”


 

Así define o presidente da Deputación de Ourense á romaría etnográfica “Raigame” que cumpriu hoxe a maioría de idade cunha edición dedicada ás feiras e ao gando

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na celebración do “parque temático por excelencia da etnografía galega” co que define á romaría “Raigame” que cumpriu hoxe en Vilanova dos Infantes, en Celanova, a súa maioría de idade cunha edición dedicada ás feiras ao longo dos séculos XIX e XX e ao gando. Baltar valorou “moi positivamente” esta celebración “única en Galicia que ao celebrarse no Día das Nosas Letras outórgalle unha maior relevancia”.

Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense felicitou ao Concello de Celanova “por manter vivo este evento no que milleiros de persoas fan unha viaxe no tempo naqueles aspectos que máis teñen que ver coa nosa identidade”, e destacou a “satisfacción” que supón poder “pasear e vivir esta experiencia que este ano se dedica ao mundo do gando, pero na que os artesáns continúan, en primeira liña, mostrando as súas habilidades en Vilanova dos Infantes, convertida hoxe nunha aventura vencellada ás nosas raíces”.

Baltar salientou “o apoio de sempre da Deputación de Ourense a esta Festa de Interese Turístico de Galicia que se vai a manter e potenciar no tempo porque é unha das festas que mellor representa a nosa alma”.

O presidente do goberno provincial tamén felicitou a Coral de Ruada, “unha gran embaixadora cultural e musical de Ourense”, que foi galardoada durante a celebración co premio “Adolfo Enríquez”, polos seus cen anos de historia, destacando da mesma “a súa defensa da nosa identidade”.

O Simposio Raigame estivo centrado nesta ocasión no traballo realizado polo Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con sede no Pazo de Fontefiz, e o seu traballo na recuperación de razas gandeiras en perigo de extinción. Tamén participou un representante de Boaga, federación que aglutina ás asociacións de produtores de razas en perigo de extinción, e un membro da asociación AGATRAN-Á Molida (Asociación galega tracción animal) falando da importancia da recuperación de vellos e esquecidos sistemas de traballo con animais nas actividades agroforestais.

Durante a celebración da XVIII edición tamén houbo un espazo dedicado á representación dunha feira de gando, mostra de exemplares das diferentes razas autóctonas gandeiras, así como demostracións dos traballos que realizaban. O programa complementouse con teatro, exposicións, artesáns de oficios tradicionais e cultura popular e diversas actividades que situaron un ano máis a Vilanova como punto de encontro da etnografía galega.

Deja un comentario