Sábado 07 de Decembro de 2019

Castrelo de Miño, concello 100% LED


Renovación integral do servizo municipal de iluminación pública
5 empresas presentaronse á terceira e derradeira fase de renovación do alumeado, na que se instalarán as luminarias LEDs nos últimos núcleos do concello pendentes : Troncoso, Freás, Santo Estevo estrada, Barral, Avenida do Concello, O Pazo e O Toledo
Isto supón unha mellora do servizo e un aforro anual de 75.000 euros

O concello de Castrelo de Miño acolleuse nos últimos catro anos a tres ordes da axudas distintas, unha da Xunta de Galicia e dúas do IDAE (Ministerio de Enerxía do Goberno de España). Tras a concesión destas axudas, o concello redactou tres proxectos, dous xa executados, e un en fase de licitación nestes intres. O importe dos tres proxectos supera os 500.000 euros que permiten unha renovación integral do servizo municipal de iluminación pública.

O derradeiro dos proxectos, agora mesmo en fase de licitación no perfil do contratante, é dun importe de 130.074,01 euros. Tras a concesión da última subvención concedida polo IDAE (axuda de 112.771,20 €, dentro do Programa de Axudas a entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020) ao longo deste 2019 procederase á instalación de luminarias LED nos núcleos de Troncoso, Freás, Santo Estevo estrada, Barral, Avenida do Concello, O Pazo e O Toledo. Con esta obra, o 100% do alumeado de Castrelo de Miño será de tecnoloxía LED e baixo consumo enerxético.

Finalizado nesta semana o prazo de 20 dias desde o día seguinte ao de publicación do anuncio de licitación no perfil de contratante, presentáronse na sede do concello de Castrelo de Miño 5 proposicións de 5 empresas eléctricas distintas. Será agora a mesa de contratación, que se reunirá neste mes de maio, a encargada de selecciónar a mellor das ofertas.

As obras realizadas permiten subsitutir as antigas luminarias por outras tipo LED de maior rendemento e con lámpada de menor potencia. Tamén, se levou a cabo a substitución de balastros electromagnéticos por outros electrónicos, así como cadros eléctricos e sistemas de control e de regulación de fluxo luminoso.

A día de hoxe hai instaladas 1475 luminarias, que son xestionadas por 46 cadros eléctricos de mando, das que 1084 son luminarias de LED de alta tecnoloxía e baixo consumo enerxético. Coa terceira e derradeira fase en proceso de licitación, todas as luminarias do concello serán de tecnoloxía LED, e os 46 cadros eléctricos de mando serán todos novos.

En 2019 Castrelo de Miño será un concello 100% LED. Co 100% instalado o concello pasará anualmente dun consumo de 591.970 kWh a 131.367 kWh. O aforro é polo tanto de 460.603 kWh. Isto supón un aforro do 78%.

Desde o ano 2017 o concello de Castrelo de Miño xa está aforrando 54.000 euros anuais, importe que se reduciu das facturas emitidas pola empresa eléctrica suministradora debido ao menor consumo das luminarias e aos novos cadros de control e redución de consumo xa instalados.

Co 100% instalado, a partires deste 2019 o aforro superará os 75.000 euros anuais.

Deja un comentario