Luns 27 de Maio de 2019

Concello e Xunta acordan un investimento de dous millóns de euros para a reforma integral do Pavillón dos Remedios


 “É unha infraestrutura de referencia na cidade e en toda Galicia que o vindeiro 1 de xuño cumprirá medio século de vida”, lembraba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. A Secretaría Xeral para o Deporte achegará un total de 1.987.479,59 euros, IVE incluído, con cargo as anualidades 2019 e 2020

A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou hoxe, polo trámite de urxencia, a sinatura para un Convenio de Cooperación entre a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para a reforma do Pavillón dos Remedios. “Unha infraestrutura de referencia na cidade e en toda Galicia que o vindeiro 1 de xuño cumprirá medio século de vida”, lembraba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Así, a Xunta de Galicia achegará un total de 1.987.479,59 euros, IVE incluído, con cargo as anualidades 2019 e 2020, e que se repartirán do seguinte xeito: 500.000 euros en 2019, e 1.487.479,59 euros en 2020.
Logo da súa aprobación en xunta de goberno local, este convenio elevarase ao Consello da Xunta. “Seguindo a tramitación correspondente, é máis que posible que no mes de outubro deste mesmo ano 2019 vexamos xa o inicio destas actuacións”, anunciaba o rexedor. A obra principal recollida no convenio é para mellorar a accesibilidade e actuar sobre a parte máis antiga das instalacións. A Secretaría Xeral para o Deporte asume, segundo a cláusula terceira, a execución das obras. E o Concello, pola súa banda, terá que poñer á disposición da Xunta as instalacións e superficie necesaria para realizar a actuación, outorgando as licenzas ou autorizacións que fosen preceptivas.
Finalizadas as obras procederase a formalizar un acto de entrega ao Concello de Ourense, que asumirá con carácter exclusivo a xestión, mantemento e conservación da instalación. No eido da programación deportiva, o Concello de Ourense facilitará o uso gratuíto da instalación para todas aquelas competicións deportivas oficiais organizadas ou promovidas pola Secretaría Xeral para o Deporte.
As instalacións deportivas, en calquera caso, seguirán abertas ao público durante todo a reforma: “No proxecto co que se traballa, redactado por López Noya Arquitectura y Urbanismo, as obras iranse executando por fases”, dixo Vázquez Abad.
Na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá tratáronse, ademais, outros 26 asuntos achegados por diferentes concellerías e servizos municipais:
Avogacía Consistorial (9). Dúas comparecencias, un auto e seis sentenzas. No tocante ás comparecencias, o Concello acudirá como afectado polos danos causados nun sinal vertical por un condutor que presentou influencia de alcohol e drogas no organismo. Por outra banda, acudiremos ao emprazamento polos danos causados nun vehículo por importe de 551,9 euros logo da caída dun sinal vertical.
O auto vén ditado polo Contencioso Administrativo número 1 de Ourense, e obriga aos propietarios dun edificio emprazado na confluencia das rúas Xocas e Cardenal Quevedo a axustar as obras á licenza que lle fora concedida. Dáselle un prazo de tres meses para executar este cambio, ao tempo que se lle obriga a non ocupar o edificio. De non facer ningunha das anteriores, o Concello verase obrigado a actuar de forma subsidiaria ou a imporlle multas coercitivas.
No apartado de sentenzas, comezamos por unha do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que desestima a petición de responsabilidade patrimonial por anulación de licenza solicitada pola sociedade VideomaptresD, propietaria da discoteca La-Bull.
En primeira instancia fóralle recoñecida en parte a súa demanda (Obrigaba a asumir o custe a medias entre a entidade mercantil e o Concello de Ourense), pero agora o alto tribunal ditamina en sentido contrario. A sentenza estima, así mesmo, o recurso interposto polo Concello e a aseguradora Zurich, revogando a sentenza de primeira instancia que condenara o Concello a abonar certas cantidades en concepto de responsabilidade patrimonial derivada da anulación da licenza que no seu día fose outorgada á discoteca.
A seguinte sentenza é tamén do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e desestima o recurso de apelación interposto por unha ex traballadora municipal contra unha sentenza do contencioso administrativo. O tribunal resolve que está acreditado que os labores da demandante eran temporais e conxunturais, polo que non cabe recurso algún neste sentido.
Desestímase tamén unha revisión de plusvalías contra este Concello por parte dun particular, xa que non concorrían os requisitos para recorrer a decisión da Oficina de Recadación. Neste sentido, outra sentenza obriga a devolverlle a unha particular o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, xa que non estaba obrigada a particular a facelo. Mesmo caso que o que aplica outra sentenza, neste caso a favor dunha promotora privada. O Concello terá que devolverlle o aboado por ambas partes.
Para rematar co apartado xurídico, o Contencioso Administrativo 1 de Ourense desestima un recurso interposto por un particular contra unha sanción de 200 euros por aparcar en lugar prohibido, xa que presentou a documentación fóra de prazo.
Licenzas (9). Concedéronse licenzas para proxecto básico e de execución para a instalación de ascensores en tres edificios da nosa cidade. Tamén para a execución da reforma de pisos nun edificio da rúa Bedoya: a primeira afecta aos pisos 2º, 4º e 8º esquerda, e a segunda aos pisos 4º e 6º dereita.
Así mesmo, concedéuselle licenza á Cruz Vermella para a reforma do acceso de entrada á sede provincial; a unha promotora para o proxecto de construción de edificio comercial sen uso na Estrada de Vigo, cun orzamento de execución de 884.458,27 euros; e a un particular para modificar a cuberta dun edificio.
Finalmente, desestimamos un recurso de reposición presentado por un particular contra a multa de 1.502,54 euros por incumprir a normativa de ruídos nunha vivenda da Avda. de Bos Aires.
Aperturas (2). Por un lado, denegouse a licenza para adaptar un local para oficinas na praza 500 en base aos informes técnicos negativos. Polo outro, concedeuse licenza para a reforma dun restaurante na rúa Fonsillón.
Contratación (3). O primeiro dos asuntos aprobados en materia de Contratación é a concesión da prórroga do contrato servizo de mantemento do sistema de préstamo de bicicletas do Concello de Ourense subscrito con Bicalia Gestión, SL. Será polo prazo dun ano, desde xuño de 2019 a cuño de 2020, polo prezo de 59.169 euros, IVE engadido.
Por outra banda, reasignáronse as anualidades do gasto do servizo de mantemento do equipo de climatización do Concello, adxudicado en xaneiro de 2019 por un importe de 24.440 euros. Repartiranse do seguinte xeito: 6.110 euros en 2019; 12.220 euros en 2020; e 6.110 euros en 2021.
Finalmente, adxudicouse mediante procedemento aberto a subministración en 6 lotes da renovación e mantemento de diversas licenzas de software para os anos 2019 e 2020, cun gasto total de 89.112,12 euros.
Medio Ambiente (1). Concedeuse a prórroga da concesión do aproveitamento de 32 hortos municipais para os anos 2019 e 2020, ao tempo que se extingue o acordo en 3 hortos por renuncia dos titulares actuais, que deberán entregar as chaves nun prazo de 15 días.
Educación (1). Aprobáronse as bases e a convocatoria da décima edición do Certame de Cinema OUFF Escola 2019, para o que se destinan 2.600 euros en premios. O Concello de Ourense impulsa este certame en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense para impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo.
Asuntos Sociais (1). Deuse conta da estimación dun recurso interposto por ALCER (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais) contra a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en 2017. Recoñéceselle o dereito a percibir 51,44 euros máis pola diferenza entre o importe recibido e o que procedía aboar.

Deja un comentario