Luns 22 de Xullo de 2019

A Deputación de Ourense apoia ás farmacias do rural


 

Manuel Baltar e o presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, Vicente Jairo Álvarez, asinaron hoxe un acordo de colaboración, “sendo a Deputación de Ourense a primeira institución galega que leva a cabo este tipo de medidas de apoio ás farmacias do rural”, dixo o máximo representante dos farmacéuticos ourensáns

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou esta mañá no Pazo Provincial co presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Vicente Jairo Álvarez, un protocolo de colaboración para a execución dun plan de apoio ás farmacias do rural ourensán, un ámbito de cooperación que o presidente do goberno provincial considera “un punto máis no apoio que a Deputación presta aos concellos da provincia de Ourense, e sinaladamente, neste caso, orientado ás farmacias, que realizan un labor esencial no noso territorio”.

Por este motivo, froitos das conversas que Manuel Baltar mantivo co presidente dos farmacéuticos faise realidade esta liña do cooperación coas farmacias do rural ourensán, unha iniciativa pioneira en Galicia e no ámbito nacional, “É obriga da Deputación estar co medio rural e apoiando a un colectivo profesional tan importante como os farmacéuticos de Ourense”, expresou Baltar.

Pola súa banda, Vicente Jairo Álvarez destacou que a Deputación de Ourense “é a primeira institución galega que leva a cabo este tipo de medidas de apoio ás farmacias do rural, algo que quero agradecer especialmente ao presidente Baltar”, salientando que é “moi de agradecer que se recoñezan, como fai a Deputación de Ourense, os problemas que temos as farmacias rurais e se decida apoiar directamente a este colectivo tan castigado polas sucesivas crises, o despoboamento e as políticas de prezos”.

A Deputación de Ourense xa destacou o ano pasado, con motivo da celebración do centenario do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, o traballo desta organización colexial. “Foi precisamente no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, o 3 de xaneiro de 1918, onde 34 farmacéuticos celebraron unha reunión para constituír legalmente esta entidade”, dixo Manuel Baltar, que foi homenaxeada “para recoñecer o labor de investigación e servizo á veciñanza realizada polos farmacéuticos da provincia de Ourense”, expresou o presidente.

Na actualidade, o Colexio de Farmacéuticos de Ourense representa a máis de medio milleiro de farmacéuticos que exercen a súa profesión na provincia, a maior parte deles nas preto de duascentas boticas do territorio ourensán.

Deja un comentario