Luns 27 de Maio de 2019

O goberno de OUeC compromete espazos urbanos “con vitalidade e oco para os animais”


Montserrat Valencia: “Os espazos verdes xogan un papel primordial para a calidade de vida das veciñas. O noso reto está en incorporar a sustentabilidade a Ourense”

Montserrat Valencia, número 2 na candidatura de Ourense en Común e responsable das áreas de Sustentabilidade Ambiental, Benestar Animal e Xustiza Social no próximo goberno encabezado por Martiño X. Vázquez, fixa como obxectivo “a incorporación da sustentabilidade a Ourense”, e, partindo da premisa de que “os espazos verdes son fundamentais para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Ourense”, expón que o Programa Participativo co que concorren ás eleccións aposta por un “desenvolvemento que outorgue aos espazos verdes da cidade un papel primordial, restaurando zonas abandonadas, creando novas zonas verdes e adecuando e limpando as zonas degradadas”.

Valencia destaca a necesidade de “promover hábitats adecuados para a flora e a fauna autóctona, protexendo a biodiversidade de Ourense e os exemplares máis valiosos, e de achegar ás veciñas e veciños ao coñecemento e posta en valor do seu medio natural, recuperando camiños públicos e corredores ecolóxicos, apoiando activamente ás asociacións e movementos sociais de protección do medio ambiente e abrindo a Aula da Natureza de Oira a converterse nun referente para a educación ambiental continuada, tamén para adultos”.

O programa de OUeC afonda ademais en que perante unha sociedade que abandona e maltrata impunemente aos animais, “é corresponsabilidade dos gobernos promover e protexer os dereitos dos animais, loitar contra o maltrato, emprender campañas públicas de sensibilización, asesorar á veciñanza de cara ao respecto e sen rigorosos no coidado aos animais municipais, os abandonados”, explica Montse.

Continuando coa aposta polos espazos para o diálogo, baixo o formato nomeado como “barlamento”, desde as 20h de mañá xoves, na Cafetería do Xardín do Posío, a candidatura de OUeC e debaterá en aberto con colectivos e veciños sobre os retos medioambientais que afronta o próximo goberno de Ourense.

Deja un comentario