Luns 19 de Agosto de 2019

O Concello implica as persoas maiores de 60 anos cunha semana de actividades deportivas, culturais e de lecer


 

Haberá tai-chi e cachibol no Xardín do Posío, exposición dos traballos feitos polo alumnado dos cursos de manualidades, entrega de diplomas dos cursos de informática e as tradicionais representación teatral, recital de corais e comida – baile.

 

O Concello de Ourense quere implicar as persoas de máis de 60 anos na Semana dos Maiores, un completo programa de actividades do 20 ao 24 de maio que pechará o curso con eventos deportivos (tai-chi e cachibol, todos os días ás 10:00 e 11:30 horas respectivamente no Xardín do Posío), entrega de diplomas dos cursos de informática e exposicións dos traballos realizados no curso de manualidades (no Centro Cívico A Cuña, na rúa Dr. Peña Rey 18), e as tradicionais representacións teatrais, recital de corais e a comida-baile.

“Este ano participaron un total de 643 persoas no programa de Envellecemento Activo dos Asuntos Sociais, dos que 506 eran mulleres e 137, homes”, segundo os datos achegados pola concelleira responsable, Sofía Godoy. Na rolda de prensa ofrecida esta mañá, lembrou que o prazo para anotarse nas actividades remata o luns 20, e animou a veciñanza non só a participar das actividades, tamén a asistir á obra de teatro da Aula de Maiores (Sister Act: unha monxa de coidado, interpretada polo grupo Aturuxo, o martes 21 ás 20:00 horas no Auditorio Municipal) ou na recital de corais (o mércores 22 de maio no salón nobre do Liceo, coa participación das agrupacións Coral Gaudeamus e Rondalla Alecrín).

A visita ás localidades de Dumbría, Cee, Fisterra e Camariñas xa cubriu todas as prazas dispoñibles.

Toda a información, nas oficinas de Asuntos Sociais da rúa Colón 18 (no segundo andar do Centro Cívico) ou a través dos teléfonos 988.392.909 ou 988.393.107.

O único requisito é ter máis de 60 anos e estar empadroado no Concello de Ourense.

Deja un comentario