Luns 22 de Xullo de 2019

Deputación e Xunta constitúen a comisión de seguimento para a creación do Centro Galego de Innovación da FP, en Ourense


 

Na reunión, presidida por Manuel Baltar e Carmen Pomar, validouse o anteproxecto desta infraestrutura que se prevé que estea operativa no ano 2020 e que suporá un investimento de 9,9 millóns de euros

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiron hoxe, no Pazo Provincial, a reunión de constitución da comisión de seguimento para a creación do Centro Galego de Innovación da FP, en Ourense, na que se validou o anteproxecto desta nova infraestrutura que suporá un investimento de 9,9 millóns de euros e que se prevé que estea operativa no ano 2020.

O presidente do goberno provincial, promotor e impulsor para que esta iniciativa formativa fose unha realidade na provincia de Ourense, destacou a importancia que ten a creación deste centro galego en Ourense porque “favorecerá o desenvolvemento industrial e a incorporación de novas tecnoloxías, dotando de capital humano altamente cualificado ao tecido produtivo galego”.

Manuel Baltar dixo que a innovación e o emprendemento “serán as liñas fundamentais que marcarán este centro de referencia da Formación Profesional, contando co empresariado como eixo principal para desenvolver unha FP dual que abranga as necesidades sectoriais do ámbito empresarial, tendo en conta tamén á universidade para desenvolver conxuntamente proxectos de investigación”.

Trátase –explicou o presidente da Deputación de Ourense- dun espazo de xeración de ideas innovadoras, de patentes e de proxectos, que contribuirán ao desenvolvemento empresarial e social. O centro será, en definitiva, “un nodo de innovación, lanzadeiras de emprendemento e tecnoloxía: o gran centro de innovación na FP da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, engadiu Manuel Baltar.

Ademais do presidente da Deputación de Ourense e da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, participaron na reunión de constitución da comisión de seguimento, o deputado provincial de Cultura e Educación, Manuel Doval; a interventora da Deputación, Mónica Legaspi; o xefe do Gabinete da Deputación, José Sampayo; o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes; o director da área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; a xefa territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en Ourense, Mª Luz Fernández; o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e a subdirectora xeral de Formación Profesional, Mª Eugenia Pérez.

Investimento de 9,9 millóns de euros

A creación deste Centro Galego de Innovación da FP, en Ourense, suporá un investimento de 9,9 millóns de euros, dos cales 5 millóns serán achegados pola Deputación de Ourense para a execución das obras e para equipamento; 1,5 millóns pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o desenvolvemento de proxectos e a adquisición de novos equipamentos de tecnoloxía avanzada necesarios para a materialización de ditos proxectos; e 3,4 millóns de euros que aportará a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en concepto de gastos de funcionamento e mantemento do centro.

O Centro Galego de Innovación da FP, que se prevé que estea operativo en 2020, estará localizado na antiga Escola Fogar de Mariñamansa, un edificio de uso educativo que está xestionado pola Consellería de Educación e que está próximo ao CIFP A Farixa, centro de formación profesional de referencia en Ourense.
A posta en marcha deste centro supón avanzar un paso máis na aposta por unha formación de calidade, innovadora e adaptada á industria 4.0 para que as empresas poidan contar con persoal cualificado. Por iso, o Centro Galego de Innovación da FP vai a impulsar os proxectos de innovación aplicada, novas contornas virtuais de simulación, a xeración de proxectos empresariais e a transferencia aplicada a patentes. Para iso, desde este centro traballarase en colaboración co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico da Deputación de Ourense para a creación de sinerxías co sector produtivo e favorecer a transferencia de coñecemento dos centros á industria.

Deja un comentario