Luns 24 de Xuño de 2019

A activación económica e o emprego como prioridades do goberno de Ourense en Común


O equipo de Martiño X. Vázquez compromete orzamento para consolidar un Pacto polo Emprego capaz de “impulsar as riquísimas potencialidades que temos. Urxe frear o éxodo xuvenil”

Tomando consideración do desemprego como a primeira preocupación para a veciñanza de Ourense, e como orixe do grave devalo demográfico que padece o concello, Ourense en Común compromete “atallar de urxencia a situación, impulsando sectores económicos emerxentes e novos nichos de emprego para a promoción efectiva do emprendemento local”.
Martiño X. Vázquez, candidato á alcaldía, defende a “urxencia” de comprometer un Pacto polo emprego, no que as institucións públicas, a universidade e o tecido socioeconómico “vaiamos todas a unha para favorecer a creación de emprego estable e de calidade no noso municipio e deter a emigración”.

Destaca a necesidade de “atender e protexer as nosas potencialidades”, empezando polo termalismo, “como innovación, ligado á xeotermia e á cosmética, como un recurso máis alá do turístico”, ou potenciando tamén a Indicación Xeográfica Protexida coa que conta Ourense e o val do Miño, “poñendo en valor a produción local, desde o viño do Bellao, aos pementos de Seixalbo, para xenerar un retorno económico en clave de sustentabilidade, de kilómetro cero e de saúde pública”, para o que tamén urxe aperturar a Praza de Abastos da Ponte, como “indispensable”.

O Programa Participativo de OUeC inclúe tanto medidas directas como indirectas coas que “favorecer e acompañar ás que decidan emprender” , incluíndo a cooperación público-privada, o apoio a iniciativas sociais de emprego, convenios, facilidades de financiación, ou bonificacións e progresividade fiscal.

Deja un comentario