Domingo 22 de Setembro de 2019

O Concello súmase ao Día das Letras con concertos, unha exposición, concursos e actividades para a cativada


 

Unha exposición divulga no Auditorio a traxectoria de Antonio Fraguas

 

O Concello de Ourense súmase á celebración do Día das Letras 2019 cun programa de actividades especificamente dirixidas a cativada e outras para persoas de todas as idades que se desenvolverán durante a próxima semana.

O venres, 17 de maio, a Sala Valente acollerá ás 11.30 horas un concerto didáctico a cargo do Capitán Garfo: «Cociñando música». Ás 12.30h, no mesmo espazo desenvolverase o acto institucional co concerto “Cantos de terra e sal”, de Carmen Penim e Banda. Xa pola tarde, ás 7, a festa sairá á rúas cun desfile da Banda de Gaitas de Forcarei que percorrerá desde a rúa do Paseo ata a Praza Maior.

Os actos de celebración organizados pola Concellería de Cultura inclúen tamén a exposición Antonio Fraguas, memoria dun soño, que se pode visitar desde o 1 ao 15 de maio no vestíbulo do Auditorio. Este é un proxecto da Xunta de Galicia coa colaboración da Fundación Otero Pedayo, que desde abril a decembro percorre diferentes cidades galegas.

A exposición consta dun cuadríptico explicativo e de 12 paneis en que se fai un percorrido pola vida de Antonio Fraguas e as achegas que, en diferentes momentos dela, fai á cultura galega, ata que no final da súa existencia coa chegada da democracia e da autonomía para Galicia, empeza a ver como se materializa o vello soño que guiou o seu percorrido vital. Ao tempo, vanse ofrecendo datos acerca da sociedade, da economía ou da política de cada momento histórico que axudan a comprender a súa figura e a súa obra.

Actividades para a cativada

A celebración da festa das letras sumará tamén unha chea de actividades para a cativada que se desenvolverán o mércores, 15. Ese día chegará a Ourense o Correlingua 2019 co lema “O galego é a fórmula», no que máis de 1.000 estudantes de 19 centros sacarán a lingua á rúa. Ás 10:00h, alumnado de Primaria participará na Praza Maior en xogos populares e nun concurso de pancartas co lema deste ano. De seguido, subirán ao Auditorio, onde alumnado de Secundaria asistirá á gala final coas actuacións do grupo de gaitas do CPR Seminario Menor A Inmaculada, a lectura do manifesto 2019, proxección dos vídeos gañadores do concurso, actuación do grupo Cuarta Xusta, gañador do Cantalingua, e posterior andaina cara á Praza Maior guiada polo folión do estudantado do IES Xermán Ancochea, de Trives

Ás 12:00h no Auditorio Municipal será o alumnado de Primaria quen participará en diferentes actividades a cargo do CEIP O Ruxidoiro, de Barbadás, e Pena Corneira, de Carballeda de Avia, antes da lectura do manifesto, proxección de vídeos e a actuación de Cuarta Xusta

Concurso e lectura de microrrelatos

Esa mesma mañá, desde as 11:30h na Praza de San Martiño, a Concellería de Educación celebrará a festa coa entrega dos dous premios do VII Certame de Microrrelato online que este ano leva por tema “As mulleres en Galicia”.

Lerán os seus relatos os nenos e as nenas gañadoras do certame, ao que concorreron 35 traballos de 8 centros de ensino, e cuxo obxectivo é fomentar o uso do galego e a creatividade do alumnado. Ao rematar a entrega de premios, 120 alumnas e alumnos de Primaria presentes na praza gozarán co espectáculo homenaxe a Fraguas Os romeiros do caracol, de Fantoches Baj con música en directo, monicreques, teatro e narración oral.

Deja un comentario