Domingo 22 de Setembro de 2019

Ourense en Común anuncia a recuperación da planta de compostaxe nun goberno co obxectivo de “residuo cero”


Depósitos para a devolución e o retorno de envases, compostaxe doméstica, melloras nos Puntos Limpos, redes de intercambio e “máis educación ambiental que axude á cidadanía a reflexionar”, entre as propostas do seu programa participativo

Montserrat Valencia, número 2 na candidatura de Ourense en Común e responsable da área de sustentabilidade ambiental no próximo goberno liderado por Martiño X. Vázquez, anunciaba esta mañá a recuperación dunha “infraestrutura clave na estratexia de xestión de residuos do Concello”, en referencia á planta de compostaxe municipal situada en Santa Mariña, actualmente infrautilizada.
Valencia sinala á planta de compostaxe como “unha oportunidade para abrir o camiño da transición, que o ciclo dos residuos en Ourense transite cara a outro percorrido” e explica que “os problemas de suciedade que deixa o PP en Ourense urxe atallalos desde unha solución ecoloxista, reconsiderando o modelo. Ou cambiamos de políticas, ou cambiamos de planeta”.
A actual edil de OUeC apunta que “a responsabilidade empeza desde o goberno do Concello pero tamén somos as veciñas, que pagamos a xestión que se fai dos residuos, e cos nosos hábitos de consumo, capaces de liderar o cambio”.
No programa, Ourense en Común aposta por polo mantemento desde a xestión pública e directa dos servizos de recollida de lixo, limpeza viaria, e parques e xardíns, implantando progresivamente unha recollida selectiva, que integre sistemas de depósito devolución e retorno e a recollida porta a porta 4R, con medidas que incentiven a redución, a reutilización e a reciclaxe de residuos, “por esta orde, tal como marca a directiva europea perseguindo o obxectivo “residuos cero”, implantando plans de compostaxe doméstica, dotando aos Puntos Limpos de melloras para o seu funcionamento servindo de centros de asesoramento, educación e prevención sobre residuos, ou creando redes de intercambio, que alonguen a vida útil dos produtos.

Deja un comentario