Domingo 22 de Setembro de 2019

Este luns ábrese a inscrición para anotarse na Semana dos Maiores 2019, que pecha o curso de Envellecemento Activo


 

Haberá tai-chi e cachibol no Xardín do Posío, exposición dos traballos feitos polo alumnado dos cursos de manualidades, entrega de diplomas dos cursos de informática e as tradicionais representación teatral, recital de corais e comida – baile

 

O Concello de Ourense abre o prazo, este luns 13 de maio, para anotarse na Semana dos Maiores que organiza a Concellería de Asuntos Sociais, un completo programa de actividades do 20 ao 24 de maio que pechará o curso con eventos deportivos (tai-chi e cachibol, todos os días ás 10:00 e 11:30 horas respectivamente no Xardín do Posío), entrega de diplomas dos cursos de informática e exposicións dos traballos realizados no curso de manualidades (no Centro Cívico A Cuña, na rúa Dr. Peña Rey 18), e as tradicionais representacións teatrais, recital de corais e a comida-baile. Como novidade, realizarase unha visita ás localidades de Dumbría, Cee, Fisterra e Camariñas.

O reparto de invitacións para o teatro e a visita turística, así como as reservas para a comida no restaurante -as prazas son limitadas-, comezará o luns 13 de maio, en horario de 10:00 a 13:00 horas, e rematará o luns 20 de maio. Será nas oficinas de Asuntos Sociais, na rúa Colón 18 (no segundo andar do Centro Cívico Colón) ou a través dos teléfonos 988.392.909 ou 988.393.107. O único requisito é ter máis de 60 anos e estar empadroado no Concello de Ourense.

Teatro. A obra seleccionada este ano é Sister Act: unha monxa de coidado, interpretada polo grupo Aturuxo. Será o martes 21 ás 20:00 horas no Auditorio Municipal con prazas limitadas, entregaranse un máximo de 4 por persoa.

Recital de Corais. O mércores 22 de maio celebrarase, no salón nobre do Liceo, un recital de corais coa participación das agrupacións Coral Gaudeamus e Rondalla Alecrín. A asistencia é libre e de balde.

Comida – baile. O xoves 23 de maio, con saída ás 14:00 horas desde a tras Alameda con destino ao restaurante A Carballeira de Santa Cruz. Os autobuses volverán ás 19:00 horas. O prezo do menú é de 16€.

Visita cultural. A excursión, novidade desta edición, será o vindeiro venres 24 de maio, con saída desde a Alameda ás 08:30 horas e chegada ás 21:30 horas. Haberá un máximo de 2 reservas por persoa.

Deja un comentario