Luns 24 de Xuño de 2019

Ourense en Común fará unha campaña austera, limpa e de proximidade


A candidatura encabezada por Martiño X. Vázquez pegará únicamente tres cartaces nas rúas, “por unha cuestión de ecoloxía e limpeza”

Co gallo do inicio esta medianoite da campaña cara a cita electoral do 26M, Martiño Xosé Vázquez, avanza que a de Ourense en Común será unha campaña “sustentable e austera”, e explica que “por unha cuestión de ecoloxía e limpeza non teremos carteis ensuciando as rúas, nin competindo en solapar e pegar uns por riba de outros”.

A candidatura pegará únicamente tres cartaces, nos espazos habilitados no Parque de San Lázaro, Posío e A Ponte, e apoiaránse en dez lonas en diferentes puntos da cidade para visibilizar a candidatura coa que concorren ás urnas.

Cunha media de idade de 38 anos, os primeiros nomes da lista centrarán a imaxe de campaña. Martiño X. Vázquez, historiador e arqueólogo vencellado á economía do terceiro sector, Montse Valencia, profesional no eido do dereito ambiental, Antía Pousa, mediadora social vencellada ao movemento feminista, e Xosé Vaquero, bombeiro municipal, representan “unha xeración capacitada e moi ben formada para transformar o futuro de aquí e dende aquí, un futuro que pasa polo ecoloxismo e o feminismo, para un desenvolvemento de progreso, eco-consciente e respectuoso para as persoas, que nos impulse a un futuro prometedor para Ourense”.

O candidato a alcaldía adianta ademais unha campaña “de proximidade, de moita presencia na rúa. Pasearemos os barrios e estaremos a disposición da veciñanza para ser interpeladas”.

Nos barrios farán reparto dun xornal no que “presentamos o modelo de cidade que queremos, as nosas propostas estratéxicas para Ourense, e contamos quen somos, tamén desde o plano persoal”.

A campaña de OUeC reivindicará ademais “a importancia dos espazos para o diálogo, que cada salón, cada cociña, cada bar sexa un ágora onde debater”, polo que comezando o próximo luns no Posío, “iremos a onde está a xente”, e visitarán bares dos diferentes barrios da cidade cun formato nomeado “barlamento”, promovendo “faladoiros temáticos nun ambiente distendido”.

O candidato á alcaldía conclúe que “Ourense xógase moito nesta campaña: continuar coa dinámica de maltrato á cidade ou por fin mirar cara ao futuro e avanzar. Nós saimos a recuperar o futuro”.

Deja un comentario