Domingo 22 de Setembro de 2019

O Concello de Ourense aproba a licenza de obra para que  a Xunta execute a restauración da igrexa da Trinidade


Conta cun orzamento de execución material de 263.653,34 euros e un prazo de execución máximo de 3 anos. En materia

A restauración da igrexa parroquial da Trinidade, que será executada pola Xunta de Galicia, xa conta coa licencia de obra municipal. “O proxecto, redactado polo arquitecto Ignacio Inaraja, ten un orzamento de execución material de 263.653,34 euros, e ten o visto bo da arquitecta municipal, da Comisión Técnica Municipal de Protección de Bens Culturais, da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, e conta ademais cos informes positivos do arqueólogo municipal e do departamento xurídico”, adiantaba esta mañá o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local. O prazo máximo de inicio das obras é de seis meses, e o prazo de execución máximo, de tres anos.
Na mesma reunión aprobouse, entre outros asuntos, o Regulamento do Consello Municipal de Infancia e de Adolescencia do Concello de Ourense, “unha aposta clara e decidida por favorecer a participación dos nenos e das nenas nas actuacións da vida política municipal, considerando a súa plena capacidade de opinión e expresión”, dixo o rexedor. “Este Concello traballou de forma transversal coas diferentes áreas e co Comité Español de UNICEF e conseguiuse o título de Cidade amiga da infancia.
O presente Regulamento, elaborado polos integrantes do Consello -entre os 10 e os 16 anos-, establece que será o órgano consultivo e de participación da infancia e da adolescencia nos asuntos municipais. As súas propostas, sen carácter vinculante, poderán ser elevadas aos órganos municipais correspondentes, para o seu estudo. Serán as súas funcións as de exercer de órgano de participación e de canle de comunicación coa Corporación Local; realizar o seguimento da execución das propostas realizadas e participar na elaboración e seguimento dos planes de infancia que se acometan; fomentar e facilitar a coordinación e o intercambio de ideas, análise, reflexións así como a colaboración con outras entidades ou asociacións e valorar as propostas, suxestións e iniciativas propostas nas caixas de correo da infancia.
Oste regulamento establece a estrutura -Presidencia, Secretaría e Vogalías) e funcións, a periodicidade das súas reunións, así como a organización e alcance das súas decisións.
Ademais destas dúas, a xunta de goberno local aprobou outros 30 expedientes:
Avogacía consistorial: Dous autos e catro comparecencias. O primeiro dos autos dá por rematado un procedemento, o arquivo dos autos e abono das costas xudiciais en concepto de gastos de defensa xurídica. O segundo, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, inadmite un recurso interposto por un particular contra a concesión dunha praza de policía local que quedara cuberta polo procedemento de mobilidade.
No apartado das comparecencias, o Concello de Ourense deberá presentarse nos seguintes procedementos: no interposto polo grupo municipal do PSOE contra as bases específicas para a elaboración dunha lista de interinos de Técnicos da Administración Xeral do Concello; nunha reclamación, contra a desestimación dun día de asuntos propios que esixe un traballador do corpo de bombeiros; pola solicitude dun traballador do corpo de bombeiros para percibir, na retribución das vacacións, o plus de festividade e nocturnidade correspondente á media das horas desenvolvidas durante a época de actividade; e pola solicitude dunha traballadora municipal para ser retribuída conforme á súa categoría laboral.
Licenzas urbanísticas. Ademais do da Trinidade, a xunta de goberno deu conta de 10 expedientes máis. O primeiro é a denegación dunha licenza para mellorar as condicións de accesibilidade a un edificio mediante a instalación dun ascensor, xa que incumpre a ordenación urbanística vixente e carga con informes técnicos negativos. Pola contra, concedéronse licenzas para a instalación de ascensores noutros 3 edificios que así o solicitaron.
Por outra banda, concedeuse licenza de obra para o proxecto de demolición dun edificio; para a construción doutro; e para a rehabilitación e ampliación dun terceiro edificio. Ademais, denegouse a solicitude dunha licenza para a legalización e remate dunha rehabilitación nunha vivenda. Tamén se aprobou a segregación dunha finca de 442 m2 en dous, de 220 e 222 m2.
Ademais acordouse, en base aos informes técnicos, elevar ao Consello Consultivo de Galicia a proposta para desestimar a revisión das licencias concedidas, en Xunta de Goberno Local de decembro de 2007, na praza de San Antonio, que se poderían considerar válidas, adecuadas á lexislación vixente no seu día. Así, será o Consello Consultivo quen ditamine se son adecuadas á legalidade ou non, e que facer en cada caso.
Aperturas. Concedeuse licenza para adaptar un local a perruquería.
Xestión urbanística. Desestimouse unha solicitude formulada polo propietario de dúas parcelas incluídas na área AR As Burgas para que se actualice a valoración das mesmas. O Plan Especial para As Burgas fora declarado ilegal, así como a posterior expropiación das parcelas existentes. “Agora toca restituírlles os terreos aos seus anteriores propietarios”, dixo o alcalde, polo que se incoou expediente administrativo para a restitución das sete parcelas aos seus anteriores titulares previa devolución das cantidades percibidas polas mesmas.
Patrimonio. Desestimouse unha reclamación de responsabilidade patrimonial polos prexuízos ocasionados pola anulación xudicial da licenza de ampliación dun edificio, pois está prescrito o dereito a reclamar. Inadmitiuse tamén unha reclamación polos danos ocasionados nun vehículo por unha focha na estrada OU-101, xa que non é o Concello a administración competente.
Si que o é, neste caso, na caída dun sinal de tráfico sobre un vehículo na rúa da Peza o pasado novembro: o demandante percibirá 481,40 euros.
Por último, e en cumprimento dunha sentenza xudicial, aboámoslle a un particular a cantidade de 242,43€ en concepto de xuros e de pago de costas xudiciais.
Contratación. O primeiro dos cinco asuntos foi autorizar a cesión do contrato de explotación da cafetería do Parque de Barbaña. O novo titular ten dez días hábiles para presentar os documentos acreditativos e a garantía municipal, por importe de 1.012,20 euros correspondentes ao 5% do prezo de adxudicación.
Por outro lado, elevamos ante o Consello Consultivo de Galicia un par de asuntos referidos a concesións de limpeza: o primeiro, pola solicitude de revisión do contrato por parte da adxudicataria do servizo de limpeza de centros educativos para adoptar medidas de corrección polos desequilibrios económicos. O segundo, é o rexeitamento do Plan anual de Limpeza Viaria presentado pola concesionaria, Ecourense UTE, así como a suspensión da tramitación do procedemento ata que o propio Consello Consultivo non emita un ditame vinculante.
Tamén se aprobaron dúas ordenacións decrecentes das ofertas presentadas para a contratación do servizo de mantemento da aplicación informática empregada polos servizos xurídicos, e das aplicacións empregadas pola Policía. Os provedores que presentaron as mellores ofertas posúen 10 días hábiles para presentar toda a documentación pertinente a través do Rexistro.
Educación. Ademais do regulamento do Consello de Infancia, a xunta de goberno aprobou as bases e convocatoria de selección de proxectos formativos para a Universidade Popular no ano 2020. Estas bases establecen un orzamento de 167.250€ para incorporar actividades á oferta formativa da Universidade Popular, e deberán presentarse nos 20 días hábiles contados a partir do día seguinte á súa publicación.
A Comisión Técnica avaliará os proxectos presentados de acordo cos seguintes criterios valorativos: calidade do proxecto formativo (60 puntos); innovación e aplicación didáctica aos fins da Universidade Popular (ata 30 puntos); en caso de que o propoñente impartise docencia na Universidade Popular en cursos anteriores, que a avaliación resultase positiva, e a demanda social que tivo a actividade (ata 10 puntos).
Xestión económica e orzamentaria. Aprobouse un expediente extraxudicial de créditos para darlle curso a facturas correspondentes a gastos realizados en 2018 que non puideron seguir a tramitación ordinaria. En total, son 53 facturas por valor de 49.196,52 euros.
Recursos humanos. Rectificouse o punto 21 do acordo de xunta de goberno local de 28 de marzo de 2019: un erro tipográfico na redacción dun CIF.

Deja un comentario