Domingo 22 de Setembro de 2019

O Concello réndelle homenaxe á Coral de Ruada dándolle o seu nome a unha céntrica praza da cidade


 

É unha “mostra de gratitude” da nosa cidade” a unha “fonte inesgotable de amor á nosa música, cultura e tradicións”, subliñou o alcalde

A Coral de Ruada dá nome desde hoxe á praza situada na confluencia da rúa Xoán de Novoa e a Avenida de Bos Aires, froito da homenaxe que o Concello de Ourense rendeulle esta mañá á agrupación ourensá, co que culmina o expedinte de honras aberto á agrupación ourensá no centenario do seu nacemento.
O alcalde, a Corporación e representantes da Coral participaron nos actos que se desenvolveron primeiro no salón de plenos e posteriormente na propia praza. Nesta descubriuse a placa que lle dá o nome da Coral de Ruada “como mostra de recoñecemento e gratitude da nosa cidade a unha das agrupacións máis senlleiras e queridas, a nosa provincia. Unha fonte inesgotable de amor á nosa música, á cultura galega e as nosas tradicións, embaixadora da nosa terra en todo o mundo, sinal identitario e sementadora de paixón por Ourense e de paixón por Galicia”, sinalou o alcalde.
Vázquez lembrou que o Concello de Ourense, por acordo dos catro grupos políticos con representación municipal, quixo recoñecer este ano o extraordinario labor realizado pola Coral de Ruada “ao longo dos seus cen anos de existencia en prestixio da nosa cultura e das nosas tradicións”, tramitándolle un expediente de honras. Neste expediente, dixo “tivemos a oportunidade de comprobar o inmenso cariño que a nosa cidade sente pola Coral. Máis de 1.800 persoas se sumaron a esta proposta, á que tamén se adheriron numerosas asociacións e entidades culturais da nosa cidade”. Como resultado deste expediente, o Pleno do Concello acordou o día 1 de febreiro darlle a esta praza o nome da Coral de Ruada.
“É unha inmensa ledicia ter a oportunidade de darlle as grazas en nome da nosa cidade a quen tanto bo leva feito por Ourense, asegurou o rexedor, expresando o desexo de que “ogallá o espírito da Coral de Ruada impregne cada recuncho desta praza, e co seu nome siga a reivindicar ese sensacional e inesquecible legado de amor á cultura galega, de amor á música, de amor a Ourense do que a nosa coral sempre fixo gala”.

Deja un comentario