Domingo 22 de Setembro de 2019

Ourense en Común incorpora a voz dos colectivos no seu Programa Participativo


Martiño X. Vázquez, candidato á alcaldía, e a número 2 da lista, Montse Valencia, mantiñan esta mañá sendas xuntanzas, con representantes da UGT e Amigos da Terra

Ourense en Común mantén para a cita electoral do 26M a liña de traballo iniciada en 2015, diagnosticando a situación na que se atopan os servizos municipais desde a perspectiva dos sindicatos, colexios oficiais, asociacións, entidades e veciñas e veciños da cidade, cos que vén mantendo xuntanzas nas ultimas semanas, recollendo propostas e alternativas na xestión das diferentes áreas dos servizos municipais, e incorporándoas ao Programa Participativo co que concorrerá ás urnas.

Entre outros colectivos, a candidatura mantivo reunións coa Coordinadora galega de ONGs, CCOO, a Asociación Española de Prevención de Accidentes de Tráfico -P(A)T-, os traballadores do Centro de Coñecemento da Molinera, co Sindicato de Policías Municipais, con representantes do corpo de Bombeiros, Stop Accidentes, Stop Desafiuzamentos, o Colexio de Arquitectos, ou o Foro Liceo, abordando as necesidades para “garantir a prestación de servizos de calidade ás cidadás, desde unha institución cercana, que faga á xente protagonista e redefina o concepto de gobernantes e gobernados. Temos un compromiso ético colectivo para cambiar de vez a forma de facer as cousas. O primeiro é darlles aos colectivos voz e capacidade para condicionar as políticas locais”.

Os encontros máis recentes producíanse na mañá de hoxe, en que Martiño X. Vázquez, candidato á alcaldía, e a número 2 da lista, Montse Valencia, reuníanse primeiro con delegados do sindicato UGT, cos que compartiron as medidas que Ourense en Común propón para frear o devalo demográfico e a perda de capital humano derivada da crise económica, e logo con representantes de Amigos da Terra, coas que compartiron a necesidade de mudar as políticas públicas en materia de medio ambiente para que o Concello de Ourense sexa sostible e teña un futuro.

Deja un comentario