Domingo 16 de Xuño de 2019

Facebook achégase ao centro de coñecemento La Molinera co programa ‘Progresa dixitalmente’


 

É un programa gratuíto de formación dixital destinado a persoas desempregadas entre 18 e 30 anos de toda España no que colabora persoal da rede social.

 

O centro de coñecemento La Molinera ofrece, durante o mes de maio, formación para o mundo da empresa a través da rede. En total, sete obradoiros gratuítos entre os que destaca ‘Progresa dixitalmente’, un programa baseado na rede social Facebook para persoas de entre 18 e 30 anos (terán prioridade as desempregadas) que desexen mellorar as súas competencias actuais ou adquirir novas ferramentas para o éxito profesional ou persoal dentro da economía dixital.

A formación será presencial, dentro dun proxecto que chegará a 12.500 persoas en toda España, e adaptada a cada participante: quen posúa aptitudes avanzadas poderá aprender competencias dixitais de maior nivel, mentres que outras persoas poderían aprender competencias dixitais básicas. Para garantir os obxectivos de formación, haberá un formador por cada grupo de 30 participantes. O programa de formación basearase en seis módulos dos cales se impartirán 3 unidades de formación en cada un dos eventos.

Os eventos terán unha duración total de 4 horas que se estruturarán en bloques de 70 minutos con descansos entre cada un, de maneira que se poidan programar nunha soa xornada de tarde facilitando así a conciliación con calquera horario.

‘Progresa dixitalmente’ será impartido por Gdoce en colaboración coa Concellería de Emprego e Promoción Económica os días 14, 21, e 28 de maio en horario de 16:00 a 20:00 horas nas instalacións de La Molinera.

MAIO emprende

Ademais do módulo dedicado á rede social por excelencia, La Molinera impartirá durante o mes de maio outros seis obradoiros dirixidos ao emprendemento:

Fin do dilema: o rexistro da xornada laboral. Obrigatorio “fichar”, estamos preparados? Mañá martes, 7 de maio, de 18:30 a 20:00 horas. Para empresas, pemes, responsables de persoal e técnicos de administracións públicas.

Business Update II: Boas prácticas para adaptarte ao teu cliente. Mañá martes, 7 de maio, de 19:00 a 21:00 horas. Dirixido a persoas desempregadas e empresarias con intención de mellorar os seus proxectos e negocios.

Business Update II: Boas prácticas para manter un bo proxecto online. Mércores 8 de maio, de 19:00 a 21:00 horas. Dirixido a persoas desempregadas e empresarias con intención de mellorar os seus proxectos e negocios.

Outalent. Visibilizar o talento dos mozos científicos de Ourense. Venres 10 de maio, de 19:30 a 21:00 horas. Público en xeral.

Blockchain: modelos de negocio. A tecnoloxía que está a cambiar o mundo. Xoves 23 de maio, de 18:00 a 20:00 horas. Para emprendedores, pemes, empresas, administracións públicas, startups.

Por que tes que subirte ao mundo BIM? Metodoloxía de traballo colaborativo para a creación e xestión empresarial na empresa e nas APP. O martes 28 de maio, de 18:00 a 20:00 horas, dirixido a progfesionais, técnicos, interventores, responsables de contratación das administracións públicas, enxeñeiras, arquitectas…

Máis información e inscricións, en www.lamolinera.net

Deja un comentario