Mércores 18 de Setembro de 2019

A Xunta de Goberno aproba máis de 700.000 euros en axudas para Infraestruturas, Medio Ambiente, Deporte, Cultura e Servizos Sociais


 

Na reunión aprobouse a resolución da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense correspondentes ao 2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe 712.092 euros en axudas a entidades e concellos da provincia de Ourense para o desenvolvemento de actuacións en materia de Infraestruturas, Medio Ambiente, Deporte, Cultura e Servizos Sociais. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta dos acordos adoptados pola dita Xunta, correspondentes ao venres 3 de maio de 2019.

No relativo á cooperación con entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 30.000 euros para a Agrupación Coral de Ruada para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2019. Mentres que, para o Club Hípico Monterrey, aprobou unha axuda de 6.000 euros para colaborar tamén cos gastos de funcionamento da entidade correspondentes a este ano.

No apartado de cooperación cos concellos da provincia, na reunión aprobouse unha axuda para o Concello de Avión, por importe de 60.000 euros, destinada a colaborar cos gastos de mantemento da Escola Infantil Municipal deste municipio, correspondentes ao ano 2019. Pola súa parte, o Concello de Bande recibirá dúas axudas, unha delas por importe de 19.000 euros para o acondicionamento do camiño da Portela en Corbelle e a outra axuda, que ascende aos 34.000 euros, será para o asfaltado de diversas estradas do municipio.

A Xunta de Goberno aprobou, para o Concello do Barco de Valdeorras, unha axuda de 54.500 euros para a urbanización da rúa Ferrol. Para o Concello de Beariz aprobou dúas axudas, unha de 15.992 euros para o acondicionamento dos parques infantís en Magros e Beariz; e a outra de 10.000 euros para diversas actuacións en materia de política cultural.

Continuando en materia de Cultura, na reunión aprobouse unha axuda para o Concello do Carballiño, por importe de 6.000 euros, para a celebración do Premio Antón Losada Diéguez 2019. O Concello de Celanova recibirá tamén unha axuda, de 13.000 euros, que será destinada para a reparación da cuberta do velorio de Viveiro. Para o Concello de Cenlle aprobouse unha axuda de 10.000 euros para os gastos de bombeo correspondentes ao ano 2019, mentres que para o Concello de Larouco aprobouse unha axuda de 11.000 euros para a rehabilitación das antigas casas-escolas para dúas vivendas de aluguer social.

Para o Concello de Lobeira aprobouse unha axuda de 40.000 euros para a adquisición do inmoble en Facós “Xaquín Lourenzo”, mentres que para o Concello de Muíños aprobouse unha axuda de 70.000 euros para a iniciativa “Coñece Ourense”, o Campamento da Ourensanía correspondente ao ano 2019. Pola súa parte, o Concello de Nogueira de Ramuín recibirá dúas axudas, unha delas para o desenvolvemento de diversos traballos en pistas e muros, por importe de 50.050 euros; e a outra axuda de 25.000 euros será destinada para a adquisición dunha furgoneta para o Centro de Día. Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 20.000 euros para o Concello de Padrenda destinada á adquisición dun tractor rozadora.

Asemade, na reunión aprobouse unha axuda para o Concello do Pereiro de Aguiar, por importe de 25.000 euros, para o acondicionamento e mellora das instalacións do campo de fútbol de Melias. Tamén, o Concello de Piñor recibirá unha axuda de 77.915 euros para a mellora do acceso ao velorio, mentres que para o Concello da Pobra de Trives, aprobouse unha axuda de 60.000 euros para colaborar co proxecto de calefacción da Casa da Cultura. Para o Concello de Quintela de Leirado aprobouse unha axuda de 16.335 euros para o proxecto Punto Interpretativo para Multiusos e, para o Concello da Veiga, unha axuda de 8.300 euros para a adquisición de maquinaria.

No relativo á cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno tamén aprobou a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2019, relativa ao Concello de San Cibrao das Viñas que incorpora ao plan principal a obra “pavimentación de viario en Facheiros”, en substitución da obra “ensanche de viario en Facheiros”, cun orzamento de 48.000 euros.

Por último, na reunión aprobouse a resolución da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense correspondentes ao exercicio 2019, pola cal a Deputación de Ourense destina un total de 50.000 euros en tres axudas: á Federación de Asociacións de Veciños de Ourense Limiar (25.524 euros), á Agrupación de Asociacións de Veciños Miño (21.900 euros), e á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (2.574 euros).

Deja un comentario