Mércores 18 de Setembro de 2019

«OurenRock Sound» 2019 trae a Benposta o mellor do rock e da música indie


 

A Deputación de Ourense colabora con este festival, «que xa nesta cuarta edición é todo un referente no panorama rock en Galicia», afirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, no acto de presentación que tivo lugar esta mañá no Liceo de Ourense

O rock e a música indie serán os protagonistas da cuarta edición do «OurenRock Sound Festival» 2019, un dos eventos que abre a tempada dos festivais musicais e que se ten consolidado «como un referente en Galicia», afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación que tivo lugar esta mañá na terraza do Liceo de Ourense, no que estivo acompañado polo director de AGADIC, Jacobo Sutil; o director do festival, Rubén Álvarez; o secretario de organización do evento, Rubén Varela; e Juankar, integrante de Boikot, grupo madrileño que ten as súas orixes en Celanova.Batar felicitou aos organizadores «polo esforzo titánico que fan ano tras ano para potenciar este festival, que conta co apoio de administracións como a Xunta de Galicia e, por suposto, da Deputación de Ourense, que desde o minuto un estivo e seguirá apoiando para incrementar a cooperación co mesmo», un festival que o presidente da Deputación considera «unha fonte económica e de dinamismo no ámbito do denominado «turismo de concertos».Manuel Baltar cualificou de «excelente» o cartel dos grupos participantes nesta cuarta edición do OurenRock Sound, «que se celebra nunha cidade e nunha provincia de tradición de rocanrol, e que un ano máis xera cultura e convivencia ao redor da música».O festival terá lugar en Benposta os dias 31 de maio e 1 de xuño, coa participación de máis dunha decena de bandas e artistas de vangarda, e coa celebración de actividades paralelas como mercadillos, acampadas, talleres de artesanía, artísticos e de luthiers, nun dos eventos que abre a tempada dos festivais musicais. A festa de benvida ao público do festival celebrarase o 30 de maio nos xardíns do Padre Feijoo, con entrada de balde, na que actuará Mekanoka Rolling Band. O venres 31 de maio, xa en Benposta, terán lugar as actuacións de Boikot, Zoo, Sons of Aguirre & Scila, Bemba Saoco, Tegua e Mitocondrias; e o 1 de xuño subirán ao escenario de Benposta os grupos La Pegatina, Dakidarria, Triángulo de Amor Bizarro, Carolina Durante, Rebelión do Inframundo e Cuarta Xusta.A organización pon a venda as entradas por Internet (www.ourenrocksound.com) e en diferentes establecementos de Ourense (Peggy Records, bar Chiripa, Trampitán), Xinzo (Chuches Plaza), Allariz (Casa Fandiño Restaurante) e de Lugo, A Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra. O bono de dous días ten un prezo de 40 euros e o dun día, 25 euros.Ourenrock Sound 2019 conserva a súa esencia rockera e aposta pola música indie, con grupos como Triángulo de Amor Bizarro ou Carolina Durante, a revelación de 2018 que vén de editar un single con Amaia, gañadora de Operación Triunfo.Como novidades destaca a aposta medioambiental que fai a organización nesta edición, mentres que o sistema de acceso será por medio de pulseiras electrónicas con microchip, que permitirá realizar pagos coa propia pulseira. Durante os dous días de concertos haberá autobuses cada media hora a Benposta, e ademais dos talleres e actividades paralelas o artista Abraham Cudeiro pintará un mural en directo.

Deja un comentario