Luns 24 de Xuño de 2019

Ourense en Común pide no pleno solucións urxentes para mellorar o Servizo de Extinción de Incendios


As condicións de precariedade nas que traballa o corpo de bombeiros de Ourense poñen en perigo a súa integridade e non garantizan a axeitada protección da poboación

Logo do recente lume que devastou a Chavasqueira e de visitar o pasado mércores ás traballadoras da instalación termal, e aos bombeiros que participaron na extinción do incendio, Ourense en Común levará ao último pleno do mandato municipal unha moción para solucionar a situación de precariedade do Servizo de Extinción de Incendios de Ourense.

Desde o grupo apuntan a que o acaecido na Chavasqueira demostra que “o persoal de garda é apenas suficiente para cubrir unha intervención de certa magnitude”, e que “de terse producido simultaneamente outra emerxencia, a día de hoxe estariamos a lamentar as consecuencias”.

Desde 2015, o grupo vén solicitando “que se tomen en serio as necesidades do servizo de bombeiros e a seguridade da poboación”, sinalando a “falta de efectivos e o precario e obsoleto dos poucos medios con que contan”, ao que suman a “gravidade de que en Ourense non haxa Plan Municipal de Emerxencias, nin Plan de prevención de lumes, como obriga a normativa”.

Martiño X. Vázquez cuestiona o labor do equipo de goberno de Jesús Vázquez durante estes catro anos, “prometeu para logo incumprir o prometido. Renovou as promesas para incumprilas outra vez”, e enumera o balance do goberno do PP “negouse a posibilidade de convocar unha oferta pública de emprego e non se cubriron as prazas recollidas na RPT, nin a praza de Xefe do Servizo, fundamental para manter unha correcta estrutura organizativa do corpo. Falta inversión en material e as cantidades aportadas pola patronal compañías de seguros, UNESPA, non foron invertidas”, ao que engade o “continuo desleixo cos traballadores do servizo, que sofren recurrentes diminucións nos seus dereitos laborais”.

O voceiro de Ourense en Común e candidato á alcaldía conclúe que a situación “é insostible” e apunta á “urxencia de activar solucións: temos unha plantilla de menos de 50 traballadores no corpo de bombeiros (cando tivemos ata 72 no ano 2000), e uns medios obsoletos. Non abonda nin de lonxe para cubrir as necesidades da cidade”.

Deja un comentario