Luns 24 de Xuño de 2019

O Concello impulsa a colaboración de todas as administracións para recuperar “canto antes” as Termas da Chavasqueira


 

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitaron esta mañá a zona afectada polo incendio

“A situación é complicada pero imos traballar entre todos para volver a recuperar isto e máis”, asegurou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tras visitar xunto co presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, as Termas da Chavasqueira logo do incendio da pasada madrugada. O alcalde anunciou a creación dun grupo de traballo para sumar esforzos entre as diferentes administracións para recuperar canto antes o servizo.
“É un día terrible para a cidade, unha desgracia”, asegurou Vázquez Abad, quen incidiu en que “agora nos toca a todos traballar en conxunto, sumar e que entre todos unidos sexamos capaces de recuperar un dos emblemas da nosa cidade coñecido dentro e fóra de Galicia”.
O alcalde agradeceu o traballo realizado por técnicos, bombeiros, policía local, Policía Nacional, Protección Civil, así como a colaboración de Deputación Provincial e Xunta de Galicia, que desde primeira hora da mañá, a través dos seus presidentes, se interesaron pola situación e ofreceron o seu apoio ao Concello e expresaron “o seu interese en traballar para poder recuperar canto antes esa icona da Capital Termal de Galicia e inicio do desenvolvemento do plan termal.
O alcalde convocou xunta de portavoces para última hora desta mañá para informar os grupos políticos da situación de primeira man. Tamén contactará coa concesionaria e coa Confederación Hidrográfica para constituír un grupo de traballo e ver “que posibilidades temos para retomar o servizo canto antes e recuperar a contorna”.

Incendio
Tres unidades de bombeiros traballaron durante a pasada madrugada nos labores de extinción das chamas do incendio que se iniciou en torno as 01:30 horas, nas Termas da Chavasqueira. Os bombeiros foron avisados por parte dun traballador do complexo termal que estaba realizando labores de mantemento, e que foi quen se desprazou até o Parque Municipal de Bombeiros. Os equipos de extinción achegáronse de forma inmediata con dúas dotacións compostas por 12 traballadores e dous vehículos.
Até a zona do sinistro desprazáronse tres unidades, con un total de 11 bombeiros que estiveron loitando contras as chamas entre as 01:·30 horas e as 03:30 horas. Unha desas unidades, composta por cinco bombeiros, mantívose na zona até as 05:30 horas, refrescando o terreo para evitar unha reactivación do lume.
Ademais, reforzouse o servizo con outros cinco traballadores que estiveron en reserva nas instalacións do Parque de Bombeiros, por se era precisa a súa actuación.
Os danos son cuantiosos porque se trata dun edificio de madeira que, segundo os responsables do Corpo de Bombeiros, quedou totalmente destruído. Non hai que lamentar danos persoais, xa que o lume iniciouse a altas horas da madrugada.

Deja un comentario