Luns 27 de Maio de 2019

En Marea reivindica a triple garantía do seu voto para frear á dereita, recuperar dereitos sociais e impulsar o autogoberno


 

O voceiro pon en valor o proxecto da única forza política comprometida coa defensa de Galicia e capaz de evitar un pacto entre o PSOE e Ciudadanos
Luís Villares solicita o apoio dos votantes para En Marea, a única forza que representa unha garantía real para a defensa dos intereses de Galicia nun estado que amplíe dereitos e liberdades. «O voto a En Marea é a triple garantía. É garantía dun goberno de progreso que evite que o PSOE pacte con Ciudadanos. Tamén é unha garantía de recuperación económica para a xente, de incremento das pensións e salarios, da recuperación dos dereitos sociais que se perderon coa crise. A terceira garantía é a defensa de Galicia, que ninguén vai facer como En Marea, levando a Galicia ao centro do debate e sendo capaz de entenderse con forzas estatais». Así falou este martes o voceiro desde Ourense, onde participou nun mitin cos membros da candidatura para o 28A por esa provincia. «En Marea é o antídoto contra o esquecemento de Galicia no estado», reivindica Luís Villares.

«O debate de onte demostrou que Pedro Sánchez, se pode, pactará con Ciudadanos. E deixou clara a ausencia dunha voz galega que puxese os problemas da cidadanía de Galicia enriba da mesa e capaz, por tanto, de aportar solucións para os mesmos». Fronte á visión centralista e o desleixo cara ás problemáticas que afectan a Galicia das forzas estatais, En Marea pon en valor o seu contrato social coas galegas e galegos. Un compromiso que será prioritario á hora de impulsar calquera posible pacto ou apoio despois do 28A. «Queremos implicarnos na gobernabilidades do estado. Pero o noso apoio nunca será un cheque en branco, senón que estará condicionado ao cumprimento dunha axenda galega».

«En Marea é o voto decisivo e necesario en Galicia para o espazo progresista. Somos garantía económica, de progreso e de gobernabilidade. Queremos garantir un goberno progresista no estado que deixe á marxe a Ciudadanos. Porque se os votantes dan o seu apoio ao PSOE deben saber que o seu voto servirá para levar ao goberno a Ciudadanos», alerta Villares. Que pide o apoio dos votantes a En Marea: «a única posibilidade dun goberno progresista que defenda os intereses de Galicia pasa polo voto a En Marea».

«Apostamos polo desenvolvemento socioeconómico de Galicia, queremos medrar economicamente, crear emprego e riqueza para que a xente moza non teña que marchar. Algo que non garantiu o tandem PSOE-Podemos nos últimos orzamentos xerais do estado, que aprobaron unha baixada dos investimentos para Galicia dun 40%», denuncia Villares.
O voceiro tamén deixou sobre mesa o compromiso de En Marea de traballar para impulsar o recoñecemento do carácter plurinacional do estado. Así como para conseguir o estatuto dos traballadores da cultura, a redución do IVE cultural e a creación de medidas para a internalización da cultura galega, como a posta en marcha do Instituto Rosalía de Castro.

Tamén candidato ourensán ao Congreso, Iván Olmos, destacou a coherencia e o compromiso absoluto de En Marea con Galicia. «Construímos colectivamente un programa de urxencias para Galicia, pensado para as maiorías sociais. E despois do 28A, cando o PSOE e Podemos precisen do meu voto, xúrovos que van ter que sentar a negociar. Porque non lles imos entegar ningún cheque en branco», asevera o cabeza de lista de En Marea por Ourense.

Iván Olmos falou do compromiso de En Marea para rematar coa «precariedade e frear a emigración, para reclamar servizos públicos de proximidade, para defender as nosas pensións, os nosos dereitos e liberdades. Para defender a nosa vida… Para construírmos, colectivamente, un país xusto». O candidato ollou cara ao «rural abandonado, sen infraestruturas e que non deixa de perder poboación». E reivindicou traballo e esforzo para conseguir un Ourense de oportunidades nunha Galicia desenvolvida que forme parte dun estado de liberdades e dereitos.

Deja un comentario