Luns 19 de Agosto de 2019

En Común sitúase como o garante da cidadanía ourensá no Congreso


A formación celebrou un mitin este luns en Ourense para presentar as medidas para a provincia e para o conxunto da cidadanía galega

Os candidatos e candidatas de En Común-Unidas Podemos celebraron este luns un mitin nun Centro Cultural Marcos Valcárcel abarrotado, xunto con Juan Carlos Monedero, para falar das propostas para o vindeiro Gobeno do Estado.

«Ourense merece deputadas e senadoras que aseguren un futuro de tranquilidade, onde un Estado forte, con En Común-Unidas Podemos no Goberno, garanta os dereitos e necesidades da cidadanía de Ourense», afirmou a cabeza de lista, Ledicia Piñeiro.

A número dous de Ourense, Isabel Peña-Rey, lembrou que as políticas e leis do PP e do PSOE «propiciaron a privatización e o desmantelamento progresivo do sistema publico de saúde» e sinalou que «só temos unha oportunidade para revertir esta situación, e será da man de En Común-Unidas Podemos».

Pola súa banda, Yolanda Díaz sinalou que «estas eleccións van de que as grandes fortunas paguen impostos, de que poidamos promover unha industria limpa, de que se cumpran os dereitos laborais, de que todas teñamos unha vida digna» e lembrou que temos tres opcións: «un Goberno da dereita coa ultradereita, un Goberno de dereitas do PSOE con Ciudadanos e un Goberno progresista que atenda as necesidades da cidadanía galega».

Antón Gómez-Reino lembrou en Ourense que «Cloacas, Baltar e Ourense son palabras que van xuntas».
«O noso primeiro obxecttivo como Goberno é que o nome de Ourense vaia ligado ao do futuro».

O candidato ao Senado, Victor Ferreiro, destacou que Ourense «é unha das provincias que ten máis pensionistas que persoas cotizando e estamos abocados a converternos nunha enorme aldea pantasma». Desde En Común-Unidas Podemos queremos reverter esta situación, non queremos seguir perdendo poboación, queremos ofrecer un futuro.

A deputada no Parlamento Ánxeles Cuña incidiu na necesidade de ter un cambio e «evitar voltar ao pasado coas tres dereitas».

Finalmente, o convidado ao acto, Juan Carlos Monedero, fixo un repaso polos casos das coñecidas ‘Cloacas de Interior’ e destacou que «hai un golpe de Estado blando que se chama austeridade».

«O artigo 135 di que os intereses da débeda son máis importantes que os nosos servizos públicos. Agora atopamos ao PSOE nas eleccións prometendo todo ao que se opuxo cando estaba no Goberno”, insistiu.

Deja un comentario