Luns 27 de Maio de 2019

O campamento tecnolóxico e interxeracional “Yes I Camp” ofrece a súa experiencia ao resto do mundo a través da web de La Molinera


Os 47 participantes nesta actividade, 30 maiores de 55 anos e o resto menores de 18, reciben os diplomas que acreditan que formaron parte deste proxecto de innovación aberto

O concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, fixo entrega dos diplomas ás 47 persoas que participaron na primeira edición do campamento tecnolóxico e interxeracional “Yes I Camp”, unha iniciativa que foi seleccionada pola Fundación COTEC entre máis de 2.000 propostas e a única seleccionada que foi impulsada por unha administración pública.
“Yes I Camp” ofreceu competencias tecnolóxica a 47 participantes, 30 deles maiores de 55 anos, e o resto con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, pero que contan con coñecementos tecnolóxicos.
“Esta iniciativa supuxo unha aposta por aproveitar a creatividade e a enerxía da mocidade e conxugala coa experiencia e as habilidades dos máis maiores, pemitiunos ver a netos e abós compartindo coñecementos, experiencias e proxectos”, destacou o concelleiro de Promoción Económica Jorge Pumar, que foi o encargado de entregar os diplomas ao alumnado.
Na súa intervención, o concelleiro de Promoción Económica destacou os importantes resultados acadados e confirmou a súa intención de que esta actividade poida contar con máis edicións.
Pero o programa non remata, porque a partires deste luns a páxina web de La Molinera (www.lamolinera.net/yesicamp) fai públicas todas as actuacións e actividades do programa, co gallo de que sirva de modelo a outras institucións e entidades que desexen replicar a iniciativa en calquera parte do mundo.
Á entrega de diplomas estaba prevista a asistencia da directora de Educación e Formación da Fundación COTEC, Ainara Zubillaga, quen finalmente non puido acudir por motivos persoais.
Este campamento foi unha idea sinxela, pero tamén revolucionaria, desenvolvida polo persoal funcionario que traballa a diario en La Molinera, e que contou co visto bo da Fundación COTEC. O seu obxectivo principal é o de dar resposta ás dificultades de integración no mercado laboral da xuventude, que se atopa co muro da falta de experiencia; pero tamén axudar aos máis maiores fronte ás dificultades de adaptarse ás novas tecnoloxías.
Así, neste campamento participaron 24 maiores de 55 anos e seis “seniors” acompañados polos seus netos e netas.
A través do traballo en común ambas xeracións estableceron un diálogo que lles axudará a reforzar as súas habilidades, mellorar a organización e planificación das labores en equipo e a achegarse sen complexos ás tecnoloxías máis actuais.
Durante o campamento, os alumnos enfrontáronse a catro retos: un reto de mobilidade, outro social, a construción dun robot e o reto de que os participantes poidan contar a súa experiencia no curso utilizando todas as posibilidades tecnolóxicas e dixitais existentes.

Deja un comentario