Martes 23 de Abril de 2019

En Común Unidas Podemos chama a recuperar o Día da República o 28A votando a favor da igualdade, liberdade e fraternidade


A candidata por Ourense, Ledicia Piñeiro, afirmou no acto celebrado nesta cidade que “o 28 de abril pode ser tamén o Día da República se conseguimos encher as urnas de valores republicanos: igualdade, feminismo, ecoloxismo e progreso”.

En Común Unidas Podemos chamou este domingo, nun acto celebrado en Ourense para conmemorar o Día da República, a recuperar este espírito o 28 de abril votando a favor da igualdade e da ampliación de dereitos.

A candidata ao Congreso por Ourense, Ledicia Piñeiro, afirmou que a xornada das eleccións xerais pode ser tamén o Día da República “se conseguimos encher as urnas de igualdade de oportunidades para todas e todos, de feminismo, de ecoloxismo e de progreso, eses son os valores republicanos”. Piñeiro engadiu que “non hai democracia sen salarios dignos, sen contorna rural, sen coidados, sen promoción cultural, sen memoria e sen educación. Todo isto temos que defendelo e a opción que o garante é votar a En Común Unidas Podemos”.

O candidato pola Coruña, Antón Gómez Reino, considerou que “estamos nun momento moi similar ao da historia que me contaba a miña avoa de como pasou dun tempo de luz a un de escuridade co inicio da ditadura, por iso xogámonos moito o próximo 28A”. Así, explicou que “hai tres opcións: un Goberno da dereita coa extrema dereita para levarnos ao pasado; un do PSOE con Ciudadanos, con Albert Rivera sendo o ministro que mande nese Executivo; ou un Goberno que lle dea a volta a este país con En Común Unidas Podemos. Necesitamos un goberno valente que derrogue a Lei de Amnistía, que nos devolva o Pazo de Meirás e que poña a memoria democrática no centro”.

Yolanda Díaz, candidata pola provincia de Pontevedra reivindicou que “o mellor da República foi a ensinanza, a educación e a ampliación de dereitos”. Deste xeito, chamou a mobilizarse o 28 de abril para “dicir que queremos recuperar todo isto, ten que ser un día histórico”. Díaz afondou en que “para min a República é garantir as pensións para os nosos maiores, os sistemas de coidados, manter e mellorar a nosa sanidade e desenvolver un proxecto no que caiba todo o mundo e ninguén quede atrás”.

Pola súa banda, a candidata ao Congreso por Ourense, Isabel Peña Rey, apuntou que “o Día da República representa a esperanza de recuperar os dereitos perdidos en España e que imos alcanzar neste 28A”. Víctor Ferreiro, candidato ao Senado, destacou que “ter unha xefatura do Estado por herencia no século XXI non é só anacrónico, senón que é inxusto. Queremos elixir a quen nos representa”. E concluíu resaltando que “non hai idea máis revolucionaria que os valores de liberdade, igualdade e fraternidade que encarna a República”.

O acto rematou con poesía, música e conversas interxeracionais sobre os valores republicanos entre Manuel Peña-Rey, Ángela Rodríguez e Ledicia Piñeiro.

Deja un comentario