Mércores 26 de Xuño de 2019

As Montañas de Trevinca-A Veiga poderanse coñecer a través dun variado plan de actividades


 

A Deputación de Ourense colabora con esta proxecto que pretende ofrecer aos turistas diferentes actividades tódolos meses do ano para gozar da natureza con calidade

As Montañas de Trevinca-A Veiga poderanse coñecer a través dun variado plan de actividades chamado Pena Trevinca “Paraíso Natural” que ten como obxectivo ofrecer aos turistas diferentes iniciativas tódolos meses do ano para gozar da natureza con calidade. A presentación deste proxecto tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o presidente e o vogal do Club “Montañas de Trevinca”, Antonio González e Juan J. Lorenzo Veigas.

A Deputación de Ourense colabora con este programa de actividades relacionadas co territorio “dirixidas a tódolos públicos para coñecer, sentir e protexer as Montañas de Trevinca – A Veiga , o teito máis alto de Galicia, poñendo en valor o seu potencial natural, cultural, científico e deportivo”, dixo o vicepresidente do goberno provincial.

Con este plan, “o máis ambicioso feito ata o momento, queremos ofrecer un turismo de montaña de calidade con xente formada e con persoas que amen a natureza. Para elo, ofreceremos tódolos meses do ano diferentes actividade como raquetas de neve, ruta ornitolóxica, alpinismo, a berrea dos cervos, contacto directo ca fauna, actividades en definitiva que non se poden realizar en ningún outro territorio”, sinalou o alcalde da Veiga, quen lembrou que o obxectivo é que “por historia e por xustiza sexamos o referente do turismo sostible de Galicia”.

Pola súa parte, Antonio González explicou que a finalidade desta iniciativa é posicionar as Montañas de Trevinca-A Veiga como o “referente galego do turismo de montaña sostible nun entorno natural único, a partir dos seus valores tanto naturais como culturais ou científicos”, explicou Antonio González. As actividades deportivas, culturais, científicas e medioambientais desenvolveranse ao longo do ano, unha por mes, tendo en conta a estacionalidade anual, deste modo, en inverno as actividades centraranse en temas de sendeirismo e montañismo invernal; na época da primavera haberá unha ruta ornitolóxica e a ruta do volframio, por exemplo, entre outras propostas “de calidade, para que Ourense sexa referente neste tipo de actividades pensadas para sentir, coñecer e protexer a nosa montaña e a nosa natureza”, destacou Antonio González.

Deja un comentario