Venres 19 de Xullo de 2019

O Concello cede a Política Social un terreo de máis de 7.800 metros cadrados no barrio do Vinteún para a construción dunha nova residencia pública para maiores


 

O centro contará cunha capacidade de 120 prazas e será un referente na atención psicoxeriátrica para as persoas maiores que sofren deteriores cognitivos severos

O Concello de Ourense pon á disposición da Consellería de Política Social unha parcela de máis de 7.800 metros cadrados no Camiño Real de Cudeiro, no barrio do Vinteún, para a construción dunha nova residencia pública de maiores, con capacidade de 120 prazas e que será un referente na atención psicoxeriátrica para as persoas maiores que sofren deteriores cognitivos severos.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, asinaron o convenio de colaboración para a cesión gratuíta dos terreos á Xunta de Galicia, como paso previo ao desenvolvemento da obra.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, confirmou que “a futura infraestrutura, que forma parte do proxecto do executivo galego por construír sete grandes residencias nas sete grandes cidades de Galicia, suporá unha inversión de nove millóns de euros”. Tamén explicou que o centro contará cunha unidade psicoxeriátrica especializada para darlle resposta ás necesidades das persoas maiores con Alzheimer ou con outro tipo de demencias.
Por último confirmou que en vindeiras datas darase a coñecer o nome do arquitecto gañador do concurso de ideas.

Deja un comentario