Martes 23 de Abril de 2019

Axenda cultural do Concello de Ourense


 

 

O Concello de Ourense programa, para esta fin de semana, catro actividades para todos os públicos eminentemente musicais. As entradas para o concerto infantil do sábado e para o concerto que pecha o ciclo Música do Camiño son de balde até completar aforo. O concerto de Queen e para o concerto dos Monicreques de Kukas están dispoñibles en www.ataquilla.com, sala de exposicións Afundación e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.

CANTA MIÑA PEDRA, CANTA, con Charo Pita e Xoán Curiel.

Sábado 13, 18:00 horas. Auditorio, sala Azul. Entrada de balde até completar aforo. ‘FalaRedes’ da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Espectáculo familiar dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. A actividade xira arredor dos relatos populares galegos e mais de cancións que don Antonio Fraguas, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, recolleu nas súas Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade. Co obxectivo de que o público que ve o espectáculo poida seguir afondando na lectura en galego e no coñecemento do noso patrimonio lingüístico e literario, cada familia asistente recibirá antes de marchar unha pequena antoloxía de narracións tradicionais de Galicia escolmadas por Quique Harquindey e Maruxa Barrio titulada O fillo do rei e outros contos populares.

SALVE REGINA, The New Barroque Times

Sábado 13, 20:30 horas, igrexa de Santa Eufemia. Festival Música do Camiño. Entrada de balde até completar aforo.

Remata o Festival Música do Camiño de Ourense coa actuación do conxunto The New Baroque Times. Unha nova oportunidade para gozar da sonoridade excepcional do espazo cun conxunto internacional de calidade contrastada. Dirixido artisticamente polo violinista Pablo García e o clavecista Diego Fernández, TNBT é un grupo instrumental e vocal de formación variable que explora o universo sonoro da música dos séculos XVII e XVIII utilizando instrumentos e prácticas da época, liberándose de dogmas e indo ao encontro do público.

REMEMBER QUEEN WORLD TOUR 2019

Sábado 13, 21:00 horas, Auditorio. Entradas a partir de 24€.

Con máis de 15.000 espectadores no teatro de Gran Vía de Madrid, regresa Remember Queen, a homenaxe máis fiel a Queen de Europa. A factoría de espectáculos World Tribute presenta este atractivo show cunha renovada posta en escena, coidado vestiario e os mellores artistas do mundo especialistas en emular o traballo da Banda Británica, ofrecendo unha especial homenaxe á figura de Freddie Mercury e ao seu legado musical.

O obxectivo de Remember Queen é crear a sensación de estar a ver a Queen en vivo. Os artistas coidan o máis mínimo detalle do espectáculo cunha posta en escena similar á que estes utilizaban na Xira do 86, sendo esta a última Xira de QUEEN con Freddie Mercury en vida, ocupando a formación exacta que tiñan e que apaixonou nos escenarios de todo o mundo.

ARLEQUINA, Os monicreques do Kukas

Domingo 14, 12:00 horas. Auditorio de Ourense. +4 anos. Entradas 5€.

Espectáculo de gran formato dirixido a todos os públicos que combina o traballo de actor e a pantomima coa animación de marionetas e a maxia coa música en directo nun espazo escénico polivalente e suxestivo no que todos os elementos forman parte da divertida, misteriosa e trepidante aventura que supón a viaxe dunha peculiar e curiosa marioneta chamada Arlequina na busca da súa identidade contando para iso coa axuda de Marchelinoun vello e estrafalario artista e titiriteiro.

Con este espectáculo queremos crear sinerxías de colaboración e creación con e entre diferentes artistas que nos últimos anos teñen traballado en diferentes espectáculos de Os Monicreques de Kukas e que ao mesmo tempo manteñen liñas de traballo propias como Zoar Ensemble, Teatro de marionetas Trécola, Títeres Alakrán, Jorge Casas Caneiro, Miguel Cabaleiro e Larraitz Urrozola para coa súa achega propia e baixo a dirección escénica e artística de Isabel Rey e Marcelino de Santiago crear un espectáculo cunha posta en escena moi coidada tanto dende o punto de vista dos recursos plásticos como dos musicais, sonoros, luminosos, técnicos e escénicos co que celebrar e festexar o 40 aniversario da compañía.

Deja un comentario