Mércores 26 de Xuño de 2019

A Xunta destaca en San Cibrao que os programas integrados de emprego ofrecen formación personalizada e adaptada á demanda empresarial


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, informou hoxe sobre as características de Poliemprego V no que están a participar 100 desempregados

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, informou hoxe en San Cibrao das Viñas sobre Poliemprego V, un programa integrado no que se están a formar para incrementar as súas oportunidades laborais 100 desempregados.

Marnotes expuxo nun foro para a activación do emprego, organizado polo empresariado, as características desta iniciativa, que desenvolve a Xunta, en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, e ten un ano de duración. Cun obxectivo de inserción laboral do 45%, o programa integrado de emprego ofrece formación con opción a obter certificados de profesionalidade en soldadura e atención comercial. Ademais, impártense cursos sobre recursos informáticos e en robótica. Neste último, empréganse recursos de última xeración como impresoras 3D, drons ou maquinaria de control numérico.

Os alumnos, ademais, están a visitar empresas do polígono industrial e do Parque Tecnolóxico de Galicia, onde se atopan a maioría das organizacións co base tecnolóxica da provincia. Así mesmo, o programa inclúe sesións de orientación, medidas de conciliación para facilitar a participación do alumnado e sesións sobre autoemprego. O programa integrado abarca as áreas territoriais de Ourense, San Cibrao, Pereiro de Aguiar, Taboadela e Barbadás.

Marnotes destacou a importancia da formación adaptada ás demandas do tecido empresarial e sinalou que obxectivo destes programas é incrementar as oportunidades laborais dos participantes. “É un proceso destinado a mellorar a situación social e laboral das persoas a través de distintas fases e cunha intervención de carácter personalizado”, engadiu. Así mesmo, puxo en valor os plans que combinen formación e prácticas para dar resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Deja un comentario