Venres 19 de Xullo de 2019

O Concello aproba a ordenación decrecente das ofertas para a contratación das obras de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos número 1


O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destaca que “se trata dun paso fundamental para a adxudicación desta obra, chamada a revitalizar o comercio de proximidade e a contorna das Burgas”

O Concello aproba a ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación, mediante procedemento aberto, das obras de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos número 1. “Trátase dun paso fundamental para a adxudicación desta obra chamada a revitalizar o comercio de proximidade e a contorna das Burgas”, salientaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local.
A empresa que obtivo unha maior puntuación presentou unha oferta por importe de 4.003.415,02 euros, o que supón unha rebaixa do 13,80% respecto do orzamento base. Agora terá un prazo de dez días hábiles para acreditar ter toda a documentación e depositar a garantía na Tesourería Municipal.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local adxudicou a construción de 168 novos osarios no cemiterio de Santa Mariña, que se sumarán aos 558 cos que conta na actualidade e que darán resposta á necesidade deste tipo de instalacións. A obra, que suporá un incremento do 30% dos osarios cos que conta Ourense, terá un orzamento de 50.194,37 euros (IVE engadido), o que supón unha baixa dun 23,47% respecto ao presuposto de licitación.
Ademais, na XGL desta semana tratáronse outros 25 asuntos.
En Avogacía Consistorial dezaseis (16) temas: un decreto; sete emprazamentos e oito sentenzas.
O decreto, ditado polo Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Ourense, acorda ter por rematado un xuízo verbal promovido polo Concello, logo de que a compañía de seguros pagase os danos nun fito de tráfico.
Os emprazamentos serán a raíz de: dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial; pola imposición de dúas multas de tráfico; por unha reclamación en materia de plusvalías; pola inactividade dunha solicitude e polo recurso dun funcionario que solicita o pago dunhas costas xudiciais.
Sentenzas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fallou a favor dos intereses municipais no recurso de apelación contra a denegación dunha licenza de obra para a execución de cinco vivendas, na rúa Bande, por non axustarse ao PXOM do 86.
O Contencioso Administrativo número 1 de Ourense estimou: o recurso dunha comunidade de propietarios en contra da retirada dunha porta no soto do garaxe do edificio e unha reclamación en materia de Plusvalías. Estimou, en parte, o recurso dunha empresa que reclamaba o pago de intereses de demora polas facturas abonadas con atraso; e desestimou un recurso contra unha resolución de cese de exercicio de actividade e a imposición dunha multa de tráfico. Por último, esta sala non admitiu o recurso interposto pola agrupación de AVV do Rural e Periferia Miño.
O Contencioso Administrativo número 2, estimou o recurso presentado por unha particular contra a imposición de multas coercitivas. O Concello recorrerá a sentenza.
En Licenzas Urbanísticas, de Actividade, Apertura e Disciplina (2). Concédese licenza de obra en vía de legalización para unha vivenda unifamiliar; e licenza para adecuar o interior dun local destinado a uso comercial (na estrada N-120) obra que contará cun orzamento de máis de 3,7 millóns de euros.
En materia de Cultura (1) aprobouse un convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade de Vigo para organizar conxuntamente a XXIV Mostra de Internacional de Teatro Universitario, que terá lugar entre os días 25 de abril e 10 de maio.
Recursos Humanos (5), desestimáronse cinco recursos de reposición de funcionarios que solicitaban o abono da produtividade no período vacacional.
En Educación (1) deuse conta dun expediente para completar a reposición de fondos de anticipos da caixa fixa.

Deja un comentario