Martes 23 de Abril de 2019

Progresista, feminista e ecoloxista. Así é a candidatura de Ourense en Común para as eleccións municipais de maio


Martiño Xosé Vázquez, candidato á alcaldía por Ourense en Común, presentaba hoxe “un equipo de persoas con acreditada solvencia para transformar esta cidade”
Presentábase no Espazo en Común das Burgas, a candidatura coa que Ourense en Común concorrerá ás vindeiras eleccións municipais. “Unha candidatura de xente do común, coñecedora da realidade local e dos movementos sociais, guerrilleiras da proximidade e loitadoras do cambio diario, con solvencia acreditada para gobernar e sen máis compromisos que coa veciñanza de Ourense, á que lle pedimos a súa confianza”, apuntaba na súa intervención Martiño Xosé Vázquez, actual voceiro do grupo municipal de Ourense en Común, e candidato á alcaldía desta formación.

Montse Valencia, xurista comprometida coa sustentabilidade e o dereito ambiental, será a número 2 da lista. “Preséntome por moitas razóns, pero a fundamental é porque quero mirarlle aos ollos ao meu fillo e dicirlle que si hai futuro. Porque outro mundo é posible, ecofeminista e social”, apuntaba ao remate da rolda de prensa.
A número 3 será igualmente unha muller procurando aplicar unha corrección de xénero que reforza a aposta de Ourense en Común co compromiso de feminizar a política municipal. É o posto que ocupa Antía Pousa, recoñecida activista do movemento feminista, que afirma presentarse, “para tinguir de lila o Concello de Ourense e situar no centro das políticas públicas a loita pola igualdade”.
O número 4 da lista ocúpao Xosé Vaquero, bombeiro municipal dende hai máis dunha década e representante sindical do corpo, moi implicado na loita deste no último mandato perante a ofensiva privatizadora do Partido Popular. “Din un paso cara adiante porque sinto que teño cousas valiosas que aportar para a construción dunha cidade máis segura e solidaria, e Ourense en Común era o único espazo onde poder facelo”.
Completan os primeiros postos da lista Ángeles Faraldo, no número 5, farmacéutica na que a candidatura delega a área de Saúde Pública, Martiño Ramos no número 6 para cultura, mestre e recoñecido activista do Espazo Cultural Alternativo de Ourense (ESCUA). Unha das caras máis visibles da loita en defensa dos servizos e empregados públicos, Maravillas Calviño, ocupa o 7 e resérvaselle a área de facenda e xestión municipal. Fernando de la Torre, estudante de economía, é o candidato máis novo para representar as demandas da xuventude, no número 8 da lista. A activista medioambiental María Durán e o arquitecto Alberto Fortes pechan a lista das 10 primeiras.
No seguinte tramo da candidatura tentáronse recoller todas as sensibilidades presentes na sociedade ourensá. Dende recoñecidas persoas do mundo da música local, do deporte, o benestar animal, a economía de km 0 e a economía social, autónomos, estudantes… “persoas con diferentes puntos de vista e coñecedoras das demandas de moitos sectores da sociedade, que enriquecen a candidatura e a enchen de cores”, en palabras de Martiño Xosé Vázquez.
Pecha a lista quen nas anteriores eleccións municipais encabezou o proxecto, Miguel Doval, que ocupará o simbólico posto 27 en homenaxe polo seu compromiso e traballo durante estes catro anos. Porque a diferencia do actual alcalde do Partido Popular, “el si soubo escoitar, facer e coidar a veciñanza. Aínda que fóra dende a oposición”, resaltaba hoxe a súa compañeira de bancada Montse Valencia.

Deja un comentario