Venres 19 de Xullo de 2019

Ourense situarase á cabeza da innovación en “turismo intelixente” con servizos personalizados e experiencias inmersivas para o visitante


 

A iniciativa, para a que se destinan 3 millóns de euros, desenvolverase entre a Deputación de Ourense e Red.es, e abrangue baixo o lema: “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”, unha plataforma smart, aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para monitorización de rutas e seguimento dos lugares máis visitados

“A provincia de Ourense situarase á cabeza da innovación en “turismo intelixente” con servizos personalizados e experiencias inmersivas para o visitante que ofrecerán unha nova forma de facer e sentir o turismo”. Así o definiu hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen presidiu a primeira reunión da comisión de seguimento do convenio de “Territorios intelixentes”, celebrada no Pazo Provincial entre representantes da Deputación e da entidade Red.es.

A iniciativa, para a que se destinan preto de 3 millóns de euros (2.989.022 €), desenvolverase entre a Deputación de Ourense e Red.es, e abrangue baixo o lema: “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”, unha plataforma smart, aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos, cámaras para monitorización de rutas e seguimento dos lugares máis visitados.

“Hoxe iniciamos unha andaina que suporá un novidoso sistema para as experiencias turísticas, e Ourense lidera esta innovación coa plataforma de “turismo intelixente” que –en opinión de Manuel Baltar- permitirá aos visitantes acceder aos recursos turísticos da provincia coa tecnoloxía máis vangardista aplicada ao ocio, cultura, termalismo, natureza e gastronomía”. A plataforma ofrecerá, ademais, un portal web de información turística; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual e de Realidade Aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo

Na reunión de hoxe participaron, ademais de Manuel Baltar, o director da Área de Transparencia da Deputación de Ourense, Fernando Suárez, e os directivos de Red.es Arturo Rodríguez e David Crespo. Nela analizouse o cronograma de actuacións e o traballo de licitación do proxecto co-financiado ao 60 % polo Estado e que se enmarca na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, na que se seleccionaron 24 iniciativas de 9 comunidades autónomas, cun montante económico total de 68,3 millóns de euros.

A iniciativa que, no marco deste proxecto, porá en marcha a Deputación de Ourense, permitirá aos turistas que se acheguen á provincia dispoñer dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia (liña “Ourense ao teu alcance”); de servizos personalizados “baixo demanda” (liña “Sinte Ourense”), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña “Ourense guíate”).

Os aspectos clave do proxecto son a integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense por medio do uso dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais.

Tamén, entre as innovacións do proxecto analizadas hoxe destaca a interoperabilidade, xa que a plataforma será capaz de obter información de diferentes fontes de datos; e a potenciación dos turismos accesible, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través de solucións TIC punteiras como son: Big Data, Realidade Aumentada, Realidade Virtual, portais web de potenciación e Marketing Dixital.

Deja un comentario