Xoves 12 de Decembro de 2019

O III Festival e Feira Medieval no Castelo do Bolo achega cultura e tradicións centenarias


 

A Deputación de Ourense colabora con este evento que terá lugar o 20 de abril, coincidindo coa XII Festa da Vitela, que inclúe mercado medieval, cetrería e música, co protagonismo da Real Banda de Gaitas coa súa formación xuvenil e as cantareiras, entre outros artistas

O III Festival e Feira Medieval no Castelo do Bolo encherá un ano máis de cultura e tradicións centenarias a vila do Bolo, un evento no que colabora a Deputación de Ourense e que terá lugar o 20 de abril, coincidindo coa XII Festa da Vitela. Un mercado medieval, mostra e exhibicións de cetrería e música tradicional, co protagonismo da Real Banda de Gaitas coa súa formación xuvenil e as cantareiras, entre outros artistas, conforman un amplo programa de actividades que hoxe foi presentado no Pazo Provincial coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Bolo, Manuel Corzo; o director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo, o experto en cetrería e representante de “Rapiñas do Salnés”, Evaristo González, e os membros da organización da festa Leo e Rodrigo Vázquez.

O acto, que contou na súa parte musical coa participación de integrantes da Real Banda de Gaitas, tivo como protagonista a unha aguia real, que será unha das aves que realizarán demostracións de cetrería na festa medieval.

Rosendo Fernández destacou “o grande reclamo turístico que supón o Castelo do Bolo, reconstruído en 1999 polo impulso do alcalde Manuel Corzo”, remarcando que a Deputación de Ourense “apoia este festival e festa medieval polo que supón de promoción das nosas tradicións”. Na mesma liña, Xosé Lois Foxo dixo que actividades deste tivo “contribúen a dinamizar o mundo rural da man da cultura, a arte, as tradicións e os saberes populares”, e salientou que o programa deste ano “céntrase na homenaxe aos gaiteiros “Os raparigos do Ferrol”, que actuarán no festival, contando, ademais, coas actuacións do gaiteiro á usanza medieval Javier Franco; do grupo de zanfonas da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense; das Cantareiras de Seitura de Lentellais, e da cantante Lucía Pérez, quen interpretará un romance medieval, acompañada polas Cantareira da Real e por un organistrum medieval.

O alcalde do Bolo agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense “para facer realidade un ano máis esta celebración no concello máis turístico de Valdeorras” e destacou que nesta edición haberá tamén unha homenaxe á viticultura e ao enoturismo da comarca bolesa.

Deja un comentario