Mércores 08 de Abril de 2020

O Concello de Ourense reforza o programa de actividades de conciliación dos centros cívicos na Semana Santa


 

Amplía en 2,5 horas a duración dos obradoiros para a cativada, que se estenderán de 9 a 14 horas.
As familias interesadas poden realizar a inscrición cubrindo a solicitude na páxina web: ssociaiscursos.com

 

O Concello de Ourense reforza este ano o programa de actividades que organiza nos 5 centros cívicos para facilitar a conciliación laboral e familiar durante as vacacións escolares de Semana Santa. A Concellería de Asuntos Sociais amplía este ano o horario das actividades, que se realizarán cada día desde as 9 até as 14 horas, nos centros cívicos da rúa Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo.

Así, durante os días 15, 16, 17 e 22 de abril, escolares de Educación Infantil e Primaria poderán participar nunha chea de actividades que teñen como finalidade poñer á súa disposición un espazo de convivencia integradora e saudable, e que incluirán elementos transversais como a educación en igualdade, o fomento da vida saudable, a solidariedade ou o consumo responsable. Terán un carácter socio educativo e lúdico, con obradoiros de reciclaxe, conta-contos, xogos ou manualidades.

As familias interesadas poden realizar a inscrición cubrindo a solicitude na páxina web: www.ssociaiscursos.com. Os nenos e as nenas que xa se anotaron nas actividades para todo o curso non necesitan facer unha nova inscrición.

Deja un comentario