Mércores 08 de Abril de 2020

A escritora Ánxela Gracián recibe o XV Premio «Pura e Dora Vázquez» de Narración


 

Manuel Baltar entregoulle, no acto celebrado no colexio Maristas de Ourense, o galardón á premiada no certame pola súa obra As historias da ogra Pinta, da que o xurado destacou a súa “transmisión de valores”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregou hoxe, no acto celebrado no colexio Maristas da cidade de Ourense, o XV Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración á escritora Ánxela Gracián, galardoada neste certame pola súa obra As historias da ogra Pinta, da que o xurado destacou a súa “transmisión de valores”.
O certame, que convoca a Deputación de Ourense, é un dos máis prestixiosos da literatura galega dirixido a nenos e mozos, que na modalidade de narración premiou nesta XV edición á escritora lucense Ánxela Rodríguez Rodríguez (Lugo, 1968), coñecida polo pseudónimo de Ánxela Gracián, pola súa obra As historias da ogra Pinta, da que o xurado dixo que “transmite valores sociais moi importantes, como é o de non ter prexuízos iniciais sen ter pleno coñecemento das cousas”.
Na modalidade de ilustración resultou gañadora a ourensá María Villarino López (Ourense, 1975) de quen o xurado destacou a orixinalidade das creacións artísticas, debuxadas a man pola ilustradora, quen non puido estar no acto de entrega do galardón. Cada un dos premios está dotado con 1.500 euros e un diploma.
A Deputación de Ourense convoca anualmente este certame “que ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas”, dixo Manuel Baltar, quen lembrou que a entrega deste galardón coincide co Día Internacional da Literatura Xuvenil e Infantil.
O presidente do goberno provincial salientou que este galardón “homenaxea a estas dúas mestras da palabra: poetisas e literatas, que seguen a ser un faro para os que sabemos que a cultura e a infancia deben ir xunguidas”. Así mesmo, Baltar manifestou a idoneidade de celebrar este acto de entrega nun colexio “para facelo diante dos receptores desta distinción” e que nesta ocasión presenta un libro “doado de ler, con diferentes historias nas que poderedes profundizar cada día e descubrir os valores que a escritora, a quen felicito por esta publicación excepcional, quere transmitir na súa obra”.
A gañadora do certame na modalidade de narración agradeceu á Deputación de Ourense que “crease e manteña viva a memoria de Pura e Dora Vázquez, dúas mulleres que escribían para nenos cando non había literatura infantil”. A autora explicou que o libro homenaxea aos avós do rural que contaban historias; narradores orais dos que beberon moitos dos escritores da nosa literatura que reivindicaron a oralidade do pobo galego que vive da palabra, que lle gusta falar”. Nesas máis de 20 historias que a autora conta no seu libro están moitos dos seus rexistros como escritora, explicou Ánxela Gracián.
O acto contou, ademais do presidente Baltar, co deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, presidente do xurado; co fillo de Dora Vázquez, Antonio Alejo Rodríguez; coa escritora premiada, Ánxela Rodríguez; representantes do xurado; e alumnado do colexio de Maristas xunto ao seu director, Fernando Ampudia e profesorado do centro. Ao remate das intervencións o alumnado gozou da actuación do Mago Teto.
O deputado provincial de Cultura salientou a importancia do acceso ao mundo da cultura e da educación sendo “un dereito de tódalas persoas durante toda a súa vida”, e a Antonio Alejo Rodríguez dixo que Pura e Dora Vázquez eran “dúas mestras que dedicaron toda a súa vida a ensinar a nenos coma vós e a profundizar na poesía e prosa galegas e españolas” e desexou ao alumnado que “a súa figure ilumine a cultura en todos vós”.
O libro As historias da ogra Pinta incluirá o texto gañador de Ánxela Gracián e as ilustracións galardoadas polo xurado de María Villarino, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.
Ánxela Gracián é unha escritora, tradutora, crítica literaria, animadora cultural e editora galega. Licenciada en Filoloxía Hispánica, subsección galego-portugués, pola Universidade de Santiago de Compostela. É autora de literatura infantil e xuvenil, traduciu “Memorias de Adriano” de Marguerite Yourcenar, e obras de diversos autores de literatura infantil ao galego. Tamén foi recoñecida co galardón da 7ª edición do Premio “Plácido Castro”, pola súa tradución de “La isla misteriosa”, de Julio Verne.
María Villarino López naceu en Ourense no ano 1975. A gañadora do XV Premio “Pura e Dora Vázquez” de Ilustración, profesora de Ensino Secundario, é ilustradora e coautora do proxecto didáctico de Os Barballocas 2006-2008. Tamén foi finalista do Certame Internacional Frontera de Papel, da concellería de Xuventude e Deportes do Concello de Sevilla, no ano 2010.

Deja un comentario