Martes 23 de Abril de 2019

A Deputación de Ourense destinará axudas a concellos de menos de 5.000 habitantes para puntos de atención á primeira infancia


 

A Deputación de Ourense levará a pleno o vindeiro venres, para a súa aprobación definitiva, as bases reguladoras do Programa de cooperación cos concellos “BenOurense Infancia”, para a concesión de subvencións a puntos de atención á primeira infancia (PAI) 2019. Esta liña de axudas, para a que se destinan en total 125.000 euros para municipios de menos de 5.000 habitantes da provincia de Ourense, ten como obxecto a tramitación e concesión de subvencións do Programa “BenOurense Infancia”, destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos “Puntos de Atención a Primeira Infancia (PAI)”.

Os PAIs son establecementos de carácter diúrno e titularidade municipal, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais especializados dos concellos. Teñen por finalidade prestar apoio aos pais, titores e gardadores dos nenos de entre 3 meses e 3 anos. A través deste programa a Deputación de Ourense subvencionará gastos de persoal, gastos de mantemento dos centros e demais gastos inherentes ós servizos prestados dentro do PAI.

Para as subvencións concedidas nesta acción resérvase crédito na aplicación 2311/46201 do orzamento xeral da Deputación de Ourense para o exercicio 2019 por importe de 125.000 euros. Poderán obter subvención os concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia de Ourense que teñan PAIs de titularidade municipal e que non estean xestionados polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia ou entidade que a substitúa.

A Área de Benestar da Deputación de Ourense elaborou as bases do Programa BenOurense Infancia, que recolle un importante cambio ao incorporar como criterios con incidencia na repartición económica a “perspectiva de reto demográfico”, facéndose así partícipe dos acordos da VI conferencia de Presidentes, celebrada o 17 de xaneiro de 2017, onde se acordou o impulso de medidas específicas para facer fronte aos desafíos demográficos entre os que se enumerou a concreción dunha Estratexia Nacional fronte ao reto demográfico.

Os cambios agora propostos atopan o seu respaldo no documento de acción elaborado pola Comisión de Despoboamento da FEMP, tendo en conta que a regresión demográfica converteuse nun problema de Estado e como tal, é preciso responder desde unha perspectiva de gobernanza multinivel, que na práctica leva a implicación de todas as administracións públicas en todas as súas frontes de acción.

Deja un comentario