Martes 23 de Abril de 2019

A novena edición do circuíto de carreiras populares ‘Correndo por Ourense’ abre o prazo de inscricións


 

A idea do Concello de Ourense é apostar por que os veciños dos barrios practiquen actividade física de xeito regular, adquiran un verdadeiro hábito que os achegue a unha vida máis saudable

O Consello Municipal de Deportes abriu o prazo para inscribirse no circuíto de carreiras populares Correndo por Ourense, que acada a súa novena edición cun calendario de seis probas que comezan no mes de maio, coas citas do Vinteún (día 5) e do Couto (día 25). Para anotarse só hai que seguir as instrucións do espazo web [www.deportesourense.com] até o mércores anterior a cada carreira, volvéndose abrir o luns seguinte a cada proba. Ten un custe de 7€ (para as 6 carreiras) para as categorías sub18, sub23, sénior e máster. Para as demais categorías será gratuíta.

“Ourense é unha cidade de carreiras. Pero o circuíto Correndo por Ourense é unha proba especial porque converte aos barrios en protagonistas, e nos invita a gozar do deporte descubrindo a nosa contorna”, sinala o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. O rexedor convida a cidadanía “a participar e correr por Ourense, porque é unha fantástica cita coa saúde e para o lecer en familia”.

A inscrición e o dorsal son únicos para todo o Circuíto, por tanto, as persoas inscritas nalgunha carreira do Circuíto quedan automaticamente inscritas para todas as restantes e deben conservar o dorsal en boas condicións. É obrigatorio levar o chip na zapatilla e o dorsal ben visible no peito. A recollida presencial dos chips e dorsais na primeira das probas realizarase o sábado 4 de maio de 2019 no Pavillón dos Remedios de 10:00 a 20:00 horas.

Todas as carreiras darán comezo ás 11 horas, agás a nocturna do Couto ás 22 horas. As probas pertencen ao calendario da Federación Galega de Atletismo e están controladas polo Comité Galego de Xuíces e cronometradores da FGA (Delegación de Ourense), e para optar á clasificación final será preciso participar en, polo menos, 5 carreiras.

Porén, a filosofía destas probas supera o ámbito competitivo: A idea do Concello de Ourense é a de apostar por un circuíto popular para que os veciños dos barrios practiquen actividade física de xeito regular, adquiran un verdadeiro hábito que os achegue a unha vida máis saudable, e de paso se preparen para a cita de novembro, a San Martiño.

Calendario e distancias

Desta forma, o calendario queda configurado do seguinte xeito: Domingo 05 de maio, O Vinteún; sábado 25 de maio, O Couto (nocturna); domingo 30 de xuño, Centro da cidade; domingo 8 de setembro, Zona Universitaria; domingo 29 de setembro, A Ponte; e domingo 20 de outubro, A Carballeira.

As distancias están pensadas para todos os públicos e segmentos de idade, xa que a filosofía destas probas é a participación. As distancias de cada categoría son aproximadamente: 100 metros para ‘Pitufos’ (até 7 anos); 1.500 m. para benxamíns (8-9 anos) e alevíns (10-11 anos); 2.400 m. para as categorías infantís (12-13 anos) e cadetes (14-15 anos), e 6.000 m. para o resto: xuvenís (16-17 anos), júniors (18-19 anos), promesas (20-22 anos), séniors (23-35 anos) e máster.

O circuíto está organizado polo Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense en colaboración co Colexio Divino Maestro, co Club Esprintes Ourense, coa Delegación Ourensana de Atletismo, co Club Deportivo Aurum, co Club Ourense Atletismo e coa Asociación de Veciños Carlasca, e avalado por unha comisión técnica formada por diferentes técnicos municipais e expertos na materia.

Deja un comentario