Martes 23 de Abril de 2019

Ourense en Común pedirá no próximo pleno un compromiso de todos os partidos para loitar contra o desemprego


A taxa de paro rexistrada na capital sitúase na mesma porcentaxe que antes da crise, pero cunha caída no censo de 2500 persoas

Na mañá do venres, o grupo municipal Ourense en Común rexistraba unha iniciativa a defender no vindeiro pleno municipal do mes de abril, incluíndo un acordo co que se pretende comprometer a sinatura dun Pacto Local polo Emprego, conxuntamente entre as forzas políticas e entidades do tecido económico e social de Ourense, co fin de que a vindeira corporación poida garantir o desenvolvemento dunha estratexia de emprego para o Concello, que permita articular e optimizar os servizos e programas existentes, e outros de nova creación, incorporando tamén medidas para o emprego de colectivos específicos.
Martiño Xosé Vázquez, voceiro e candidato á alcaldía por Ourense en Común, apuntaba esta mañá que a finalidade deste pacto é “blindar nos programas electorais de todas as forzas políticas un compromiso coa que é a maior preocupación da veciñanza de Ourense, especialmente da xente nova e mulleres”. Preténdese, en palabras do portavoz e candidato, “que, independentemente de quen goberne despois das eleccións, exista un preacordo de políticas activas de emprego”.
“Namentres algúns se aferran ao mantra de que o emprego non é competencia municipal, nós sabemos que hai infinidade de accións que podemos levar a cabo desde o Concello para estimular a creación de emprego, impulsar o emprendemento, e reverter a grave situación de desemprego que viven miles de familias na nosa cidade, ben de forma directa, apostando pola cooperación público-privada, o apoio a iniciativas sociais de emprego, a sinatura de convenios, o fomento do cooperativismo, habilitando un servizo de mellora e reciclaxe profesional para a inserción de maiores de 45 anos, ou ben de forma indirecta, vía bonificación de impostos por exemplo. Ourense precisa un goberno activo, con vontade e compromiso co emprego, non pasivo á agarda de que outras institucións veñan a nos salvar”.
Con esta moción o grupo continúa na liña que xa anunciara para as últimas sesións plenarias, buscando “deixar avanzado o traballo para o próximo ciclo electoral, para que o noso goberno empece a ser fructífero desde o primeiro minuto en que entremos pola porta da alcaldía”.

Zona de los archivos adjuntos

Deja un comentario