Domingo 26 de Maio de 2019

A historia do “Coto de Rubillón”, territorio monástico, recollida nun libro


 

A obra, autoría de Xesús Antonio Gulías, foi presentada hoxe no Pazo Provincial

O libro O Coto de Rubillón, autoría de Xesús Antonio Gulías, recolle a historia deste territorio monástico situado ao norte do municipio de Avión. A presentación desta obra tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Avión, Antonio Montero; e o autor da publicación.

O vicepresidente do goberno provincial agradeceu ao autor, escritor e antropólogo, o seu traballo que achegará aos lectores a historia deste “fantástico territorio” e destacou que as obras de Xesús Antonio Gulías amosan “unha especial predilección pola cultura da súa terra de Montes, polo románico e polos cruceiros de Galicia”.

Pola súa parte, o alcalde de Avión destacou a importancia da temática desta obra porque “como veciño de calquera territorio é importante coñecer a súa historia, saber de onde se partiu e ata a onde se chegou froito do traballo e do esforzo da xente”. Así mesmo, Antonio Montero sinalou que O Coto de Rubillón mostra a realidade desta zona, desde a súa historia ata o seu impresionante patrimonio arquitectónico, cultural e relixioso”.

Xesús Antonio Gulías explicou que esta publicación é “un traballo moi documentado, sendo un dos libros que máis traballo me deu porque tal e como sinala o segundo título da obra, tratei de que fora unha historia dun territorio monástico”. Este territorio –explicou o autor do libro- coñecido desde a Idade Media como “Coto de Rubillón”, foi unha doazón que o rei Don Alonso VII, o Emperador, lle fixo ao Mosteiro de Bárcena, no ano 1511, que se acababa de asentar no que é hoxe o actual pobo de Barcia, parroquia de Santa María de Quins, no municipio de Melón.

No libro o autor conta a historia e evolución deste territorio e tamén fai un repaso pola gandería e agricultura, os muíños, o liño, a industria das corozas, así como da minería “tan importante, sobre todo durante e despois da II Guerra Mundial, para a economía familiar”, sinalou Xesús Antonio Gulías. O tema da emigración a Portugal, Brasil e México, xunto cos lugares de Rubillón e Taboazas, tamén teñen o seu espazo nesta publicación.

Deja un comentario